Móllate polos ríos: 4ª limpeza simultánea dos ríos galegos |
Compostela, setembro de 2011. Por cuarto ano consecutivo o Proxecto Ríos e ADEGA organizan a cuarta limpeza simultánea en ríos o domingo 2 de outubro. A participación nesta actividade vai en aumento e nesta xeira realizarase en 39 puntos diferentes distribuidos por 37 concellos e coa colaboración de 47 asociacións. Participarán máis de 500 persoas e dende o Proxecto Ríos consideramos que a crecente implicación e concienciación da cidadaníada é un factor decisivo para a conservación dos nosos cursos fluviais. O Proxecto Ríos fornece aos voluntarios/as do material axeitado, seguros, asesoramento técnico, coordenación e un protocolo para realizar unha limpeza ecolóxica. MÓLLATE POLOS NOSOS RÍOS!
Un dos problemas máis graves que sofren os nosos ríos segue a ser a gran cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. A pesares de levar xa tres campañas de limpeza, seguen aparecendo moreas de plásticos e entullos, elementos que por desgraza son xa habituais nos cursos fluviais. Dende o Proxecto Ríos e ADEGA queremos concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. Por iso, a limpeza non quere ser unha iniciativa illada dun día senón que se enmarca dentro das actitudes responsables para a conservación do medio natural e dos ecosistemas fluviais. O coidado e o respeto polo entorno farían innecesarias actividades como esta, aí que dependa de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os nosos ríos. Os anos anteriores retiráronse un total de 18 toneladas de lixo (estimadas) de orixe diverso e natureza variopinta: neveiras, rodas, radiografías, colchóns... A implicación dos concellos nesta actividade é fundamental para garantir a recollida do lixo que saquemos dos ríos e tamén para proporcionar o material necesario para a limpeza e asegurar aos voluntarios/as participantes. Por este motivo queremos agradecer a colaboración dos seguintes municipios: Arbo, Arzúa, Caldas de Reis, Cambre, Carral, Santiago de Compostela, Cuntis, Fene, Lalín, Muxía, Ordes, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, San Sadurniño, Pobra de Trives e Valga. Lamentar tamén que outros concellos non foran quen de apoiar esta iniciativa e dar soporte (luvas, bolsas, etc) a esta actividade de voluntariado participación cidadá, caso do concello de Vigo, o máis grande de Galiza, e que ten no Lagares un dos ríos máis contaminados. Destacar igualmente a implicación das 47 entidades que se sumaron a esta iniciativa xa que sen a súa colaboración esta actividade sería imposible. A actividade está promovida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Dirección Xeral de Sostibilidade e paisaxe que dan soporte ao Proxecto Ríose. Colabora tamén nesta limpeza a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Relación de entidades e concellos participantes na IV limpeza simultanea de ríos.
|