Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 72 - Recheos nas...
Páx. 18
O barrio de San Pedro de Santiago de Compostela conseguiu demostrar que unha romaría ou festa pode ser un éxito sen que todo quede saturado con vasos de plástico e lixo. Ademais de esixir das institucións públicas unha xestión ecolóxica do lixo, tamén a cidadanía pode ou podemos dar o primeiro paso para avanzar na prevención e camiñarmos cara o residuo cero. Aquí temos un exemplo.
Páx. 19-21
Entendemos a bioconstrución como a forma de construír respectuosa coa vida. Imaxinando varias circunferencias concéntricas, as máis pequenas representan a vida das persoas vinculadas á construción, desde o proceso construtivo aos usuarios finais, seguidas por outras un pouco máis grandes como a saúde do contorno en diferentes graos de proximidade, e a que rodea a todas sería a saúde do planeta no seu conxunto. Falar de bioconstrución é falar de construcións sas e ecolóxicas.Eses dous requisitos son imprescindibles. Ademais é preciso potenciar o respecto pola saúde, xa que o termo “ecolóxico” emprégase con frecuencia, sen ningún tipo de reparo, adaptado ás máis diversas necesidades de xustificación mercantilista. Por iso, aspectos como o aforro enerxético non deben ser os únicos parámetros para definir un traballo de bioconstrución.
Páx. 22-23
No mes de outubro rematou a substitución das luminarias do alumeado público do municipio de Carballo, que se converterá no primeiro de Galicia en implantar a iluminación con leds en todo o seu territorio. A día de hoxe son preto de 7.500 os puntos de luz nos que a empresa concesionaria do servizo público, UTE Ferroser-Ferrovial, cambiou as vellas lámpadas de vapor de sodio por leds, chegando ao 100 % no casco urbano. O novo alumeado supón un aforro enerxético do 80%, reduce a contaminación, aumenta a reprodución cromática e mellora a seguridade viaria.
Páx. 24-26
O 16 de novembro de 2013 comezou a execución do Proxecto que desenvolve o Plan de Encanamento do río Sarria, ao seu paso pola localidade do mesmo nome. Foi nese momento, cando a veciñanza sarriana se decatou da envergadura do proxecto e do impacto ambiental, cultural e económico que ía supoñer para o concello. O rexeitamento veciñal das obras traduciuse no xurdimento dunha plataforma que desde aquel momento foi sumando apoios no eido local, autonómico e, mesmo estatal. Actualmente, segue loitando contra un encanamento do río que cualifica de inútil e desbaldidor de cartos públicos, alén de devastador para a contorna paisaxística e cultural do Malecón e do Camiño de Santiago. O financiamento e execución das obras é o resultado dun convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Sarria. A actuación finánciase con fondos FEDER (80%) e de Augas de Galicia (20%) e o seu orzamento inicial ascendía a 6.700.000 euros.
Páx. 27-31
Artigo que afonda na dimensión máis vivencial e íntima dun histórico da militancia ecoloxista galega e nacionalista, Moncho Valcarce, o cura das Encrobas.
Páx. 32-35
Entrados no século XXI logo dos fastos xacobeos, cómpre un alto no camiño para facer balanzo. Vén a conto invocar o título 1 da lei do 96 de protección dos camiños a Compostela e a súa definición como “Ben de Interese Cultural”, catro palabras que valen o seu peso en ouro, tanto máis se somos quen de as facer extensíbeis ao conxunto da camiñaría histórica do país. Andado o tempo, semella pouco axeitado ter incorporado a peregrina cualificación de “ruta principal” para o que se deu en chamar coa imprecisa etiquetaxe de “Camiño Francés”, deixando en evidencia unha norma pensada ad hoc para dito itinerario conforme cos privilexios exclusivos desta vía mesetaria potenciada de xeito omnímodo polo poder político no seu afán expansionista.