Páx. 17-20
ADEGA e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza (CEIDA) organizaron o pasado 21 de abril do 2007 no Castelo de Santa Cruz un dos encontros máis agardados polos traballadores da Administración autonómica e local, membros de AGADER e Fundacións comarcais, técnicos de medio ambiente en concellos, propietarios e afectados e grupos ambientalistas que apostan pola implantación eficaz e sostíbel da Rede Natura 2000 en Galiza. Nesta reunión participaron expertos nacionais e internacionais sobre espazos protexidos e responsábeis políticos directos en conservación da natureza, desenvolvemento agrario e turismo co obxectivo de definir conflitos, expoñer as oportunidades e propoñer solucións para o futuro dos espazos Rede Natura de Galiza.
Páx. 21-22
A situación de declive social e ambiental que vive a Serra courelá sentou na mesma mesa de debate a especialistas en xeoloxía, bioloxía, agronomía, paleontoloxía, patrimonio cultural, arquitectura, paisaxe e etnografía. O encontro, celebrado o 12 de maio de 2007 na Escola Politécnica Superior de Lugo, foi organizado por ADEGA, Universidades galegas e o Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo para descubrir as peculariedades ambientais, sociais e culturais do Courel, definir as súas ameazas e marcar unha dirección cara a protección e conservación do medio e das súas xentes. Para iso, tamén estiveron presentes máis unha ducia de voceiros dos distintos Departamentos da Administración autonómica e local, responsábeis directos na xestión política da zona. Pero a diagnose do estado de saúde ambiental da Serra correu a cargo dos primeiros. A continuación, a radiografía das marabillas do Courel.
Páx. 23
Todas as consellarías competentes na xestión do Courel tiveron representación na mesa de discusión sobre a procura de alternativas e solucións para a montaña courelá nas Xornadas “Por un Courel Vivo”. É a primeira vez que se produce un encontro deste tipo para reflexionar sobre a situación ambiental, económica e social do macizo oriental.
Páx. 25-26
Que o Courel é un espazo natural privilexiado de paisaxes e historia é algo evidente para calquera visitante. Pero O Courel, que participa da influencia das rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, é, por riba de todo, un espazo natural privilexiado pola súa diversidade de flora e fauna, de enorme interese ecolóxico e científico, e privilexiado tamén por toda a historia xeolóxica e xeomorfolóxica que se manifesta na súas pedras de lousa e caliza e nas moduladas formas da súa paisaxe: pregues tombados, glaciarismo, periglaciarismo, meandros abandonados, ríos escavados, ríos que se ocultan, fervenzas que espertan, covas, dolinas… en fin, milenios da historia da terra resumidos nun espazo que antergos poetas da toponimia chamaron Courel. E milenios tamén da historia da humanidade home moldeando esa paisaxe nun mosaico de múltiples espazos de alongada historia que hoxe aínda podemos admirar nas ruínas dos castros, nas pedras dos camiños, na enxeñaría das regas, nas feridas das minas, e, en fin, en todo o abundante patrimonio etnográfico de muíños, mazos, ferrerías e formas construtivas do Courel.
CERNA Nº 50 - CERNA x 50, 16 anos informándote. Especial incendios
Páx. 12 - 13
O pasado 30 de setembro e coincidindo co período de exposición pública do Plano de Xestión do Lobo en Galiza, Adega reuniu a ecoloxistas e estudosos galegos sobre o lobo no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), nas instalación do CEIDA, para discutir os contidos do devandito Plano impulsado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente.
CERNA Nº 54 - Viaxe ao Bidueiral de Montederramo
Páx. 18
EUROPARC-España é a Sección do Estado español da Federación de Parques Naturais e Nacionais de Europa. É unha organización na que participan as administracións públicas con competencias en materia de conservación da natureza e espazos naturais protexidos (ENP), e constitúe o principal foro profesional no que participan activamente técnicas, xestores e responsábeis destes para elaborar propostas para a súa mellora. Desde que nace, en 1993, desenvolve a súas funcións a través da Oficina Técnica Fundación Interuniversitaria Fernando Gonzáles Bernáldez, o instrumento legal e administrativo que lle dá persoalidade xurídia e que outorga o apoio académico para a toma de decisións na xestión.