![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
DIA de Corcoesto: A Xunta asume as teses da empresa sen cuestionar os graves riscos e eivas do proxecto |
![]() |
![]() |
![]() |
Na súa Declaración de Impacto a Xunta NON CUESTIONA en absoluto nen o método de explotación (corta a ceo aberto fronte a minaría soterrada, moito menos impactante); nen o de extracción do ouro (cianuración fronte a tiourea, bromo-bromuro e outros métodos menos perigosos), obviando a Resolución do Parlamento Europeo de 5 de maio de 2010 sobre a prohibición do uso das tecnoloxías mineras a base de cianuro na UE; nen obriga a empresa a constituir unha garantía financeira fronte a posíbeis accidentes (Decreto autonómico 455/1996, de 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental); nen discute a catalogación dos refugallos mineiros (non perigosos para a empresa) cando deberían ser "perigosos" ao conter altos níveis de As; nen obriga a Edwater a redactar un Plano de Emerxencia Exterior fronte aos riscos de verteduras tóxicas accidentais para a saúde e o ambiente. Á Xunta tampouco lle preocupa que haxa riscos símicos por fallas activas non suficentemente avaliados que xustificarían a adopción de medidas sismorresistentes nas balsas tóxicas. Resulta particulamente grave o feito de que a Xunta obvie por completo a publicación dun recente estudo, elborado por investigadores do CSIC (IIM e a Univ. de Vigo) e divulgado pola SGHN, no que se sinala a presenza de altos níveis de arsénico na bacía do Anllóns, debidos precisamente aos antigos labores mineiros de ouro en rochas con altos contidos de arsenopirita. Precisamente é nas rochas con maior proporción deste mineral nas que se atopan as máis altas cantidades de ouro. Onde van ir os centos de toneladas de arsénico que se van liberar ao medio no proceso industrial de extracción e procesado do ouro? Por iso, en atención aos condicionados da DIA a respeito de que "cando se poña de manifesto calquera oitro impacto non considerado poderanse ditar condicións adicionais" e en aplicación do Principio de Precaución, esiximos a anulación da presenrte DIA e que se redacte unha declaración ambiental negativa. Se a Xunta persiste en declarar "compatíbel" coa protección dos valores naturais e da saúde a ubicación dunha "bomba ambiental" similar á de Aznalcóllar a 140m dun espazo natural protexido, sen sequera esixir á empresa que resposte ás graves eivas detectadas no seu proxecto e postas de manifesto por ADEGA e outros colectivos nas nosas alegacións, estaría sendo cómplice dun dos maiores episodios de contaminación ambiental por actividades mineiras en Europa. Desta volta, Sr. Hernández, non cabe facer outra "corrección de erros" coma a da DIA do encoro do Umia. Logo de envelenado o río Anllóns e a ría de Ponteceso, os danos son imposíbeis de revertir: Onde dí Corcoesto deberá dicir "Aznalcóllar", e onde di río Anllóns deberá dicir "río Morto".
|