Revista CERNA

Artigos de Conservación e biodiversidade. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Salvar o salmón atlántico

Fins Eirexas

CERNA Nº 95 - O océano, chave para frear o cambio climático

Páx. 43

O pasado febreiro de 2026, as organizacións ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, FEG e SGHN solicitamos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente a inclusión do salmón atlántico (Salmo salar L.) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, coa categoría de “En perigo de extinción”. A iniciativa forma parte da campaña “Alerta Salmón Galego”, na que tamén participou a Asociación Lobo, e que xa conseguiu reunir máis de 2.500 sinaturas de apoio.

O caso da macroalga mariña Undaria pinnatifida en Galiza: de exótica cultivábel a invasora

César Peteiro

CERNA Nº 95 - O océano, chave para frear o cambio climático

Páx. 46

Neste artigo descríbense de xeito introdutorio os trazos da macroalga asiática Undaria pinnatifida, coñecida como wakame, e revísase criticamente a súa historia no litoral de Galiza, desde a súa chegada fortuíta e o apoio de institucións públicas ao desenvolvemento do seu cultivo como macroalga comestíbel de interese comercial, ata a crecente consideración dos seus potenciais impactos ecolóxicos e a súa posterior catalogación como especie invasora, feito que levou á prohibición do seu cultivo, entre outras consecuencias. A partir deste caso, recóllense aprendizaxes e recomendacións, entre elas a necesidade de evitar o apoio institucional a proxectos de cultivo de macroalgas foráneas, así como de avaliar cientificamente os riscos ecolóxicos asociados á súa explotación e de estabelecer medidas de control eficaces e aplicábeis.

Efectos da silvicultura intensiva sobre as comunidades de invertebrados fluviais: o caso das plantacións de eucalipto

Adolfo Cordero-Rivera e Anais Rivas-Torres

CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte

Páx. 15

As follas que caen aos regatos son a principal fonte de enerxía para o funcionamento destes ecosistemas. As dos eucaliptos son pobres en nutrientes e están quimicamente moi protexidas, o que fai que a maioría das especies de macroinvertebrados fluviais europeos teñan dificultades cando ese é o alimento predominante. Atopamos que os regatos con maior proporción de follas de eucalipto teñen menor riqueza e diversidade de macroinvertebrados. Ademais, as comunidades son máis ricas en outono, cando predominan as follas das plantas nativas, que en primavera. Para minimizar os impactos, as plantacións de eucaliptos deben manter o bosque ripícola con especies nativas.

O manexo intermedio como ferramenta de conservación das brañas do centro-oeste da provincia da Coruña

Martiño-Fiz López Lindoso

CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte

Páx. 17

A área de estudo deste traballo abrangue o centro-oeste da provincia da Coruña, é dicir, as comarcas de Bergantiños, Soneira, Costa da Morte, Ordes e Xallas. En xeral, trátase de terras baixas, a menos de 500 m de altitude, predominantemente de carácter chairo e con numerosas brañas e terreos brañentos que ata agora non foron moi estudados. Neste artigo analizamos as diferenzas na perda de hábitat entre un caso de cambio de uso por actividades humanas e un caso de sucesión natural da vexetación.

A calidade de vida do lobo ibérico: novos retos na súa conservación

Isabel Barja

CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte

Páx. 22

Os cambios no medio ambiente son habituais, e o lobo ibérico adáptase a eles mediante a modificación das súas respostas fisiolóxicas. Por iso é tan importante estudar o seu estado de saúde, xa que isto permite entender mellor como lle afectan as alteracións humanas do seu medio, a dispoñibilidade de alimento, a calidade da dieta ou a presenza de parasitos. Coñecer a calidade de vida destas poboacións axúdanos completar a información científica necesaria para garantir a súa conservación e asegurar que o lobo ibérico poida seguir cumprindo o seu papel esencial nos ecosistemas da Península.

Cámaras trampa en acción: clima, hábitat e estación como claves para detectar mamíferos

Elisa Espartosa, Ilad Vivas e Isabel Barja

CERNA Nº 94 - Voluntariado en defensa do monte

Páx. 24

Aínda que a maioría dos mamíferos viven en terra firme, observalos en liberdade non é unha tarefa fácil. As cámaras trampa, coa súa discreta presenza, capturan os seus segredos. No presente estudo colocáronse cámaras trampa no Parque Natural Os Montes do Invernadeiro (Ourense), onde se obtiveron numerosos rexistros dos mamíferos da zona. Os resultados revelaron que factores como a temperatura, o tipo de hábitat e as fases lunares inflúen na probabilidade de detectalos. Identificar estas condicións óptimas non só mellora o coñecemento sobre a fauna silvestre, senón que permite optimizar o esforzo e eficacia nos estudos de campo.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal