Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 67 - O lume: dono...
Páx. 19-21
Galiza é o territorio ibérico que maior número de humidais posúe. Neles consérvase unha elevada diversidade de medios ecolóxicos e especies de flora e fauna silvestres, moitos dos cales son exclusivos destes ecosistemas. De todos é sabido, aínda que a Administración o esquece, que os humidais exercen ademais múltiples funcións no noso castigado medio en relación coa dispoñibilidade e autodepuración da auga, a mitigación dos efectos adversos das riadas ou o secuestro a longo prazo de grandes cantidades de CO2 atmosférico. O humidal da Frouxeira en Valdoviño sufriu, na súa recente historia, lamentábeis actuacións a pesar de posuír 6 figuras legais de protección como espazo natural e formar parte da Rede Internacional de Humidais Ramsar, da Rede Natura 2000 e da Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galiza.
Páx. 22-23
É imposíbel arribar á Costa da Morte e non reparar, aló ao lonxe, naquel auténtico monumento da natureza que parece emerxer das profundidades do Océano Atlántico ata acariñar a barriga do mesmísimo ceo. A presenza avasaladora do Monte Pindo, unhas veces admirada e outras temida, obrou milagres e lendas nas vidas das humildes xentes do sur da Costa da Morte. O Monte Pindo é un inmenso macizo granítico situado no norte do concello de Carnota, que emerxe desde a liña da costa ata os 627 metros de altitude na súa Laxa da Moa, en total dúas mil hectáreas nas que se combinan chairas, unha ducia de picos escarpados e a historia viva da Galiza costeira.
Páx. 24-25
A proposta de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta en 2011 e actualmente en tramitación pretende elevar a porcentaxe de territorio baixo esta figura de protección desde o actual 12,1% ao 15,2%. Como din a web da Xunta: “No noso país están presentes 56 dos 121 tipos de hábitats naturais presentes no Estado, entre eles 10 dos 56 considerados prioritarios, que acollen unha das máis ricas representacións de flora e fauna da Península Ibérica” polo que ADEGA defende unha ampliación maior desta rede no contexto galego.
Páx. 26-28
A aguia real é unha das especies mas ameazadas de Galiza. O número de parellas reprodutoras en territorio galego entre 2003 e 2008 foi estimado de entre 6 e 10, cun éxito reprodutor moi variábel dependendo do ano. A perda gradual de territorio nas últimas décadas en Galiza, como foi o caso das montañas orientais de Lugo ou suroccidentais da Baixa Limia, xerou un claro risco de extinción a curto e medio prazo. A especie figura no “Catálogo galego de especies ameazadas” baixo a categoría “EN PERIGO DE EXTINCIÓN”, o que implica a elaboración do seu correspondente Plan de Recuperación.
Páx. 29-31
A caza menor no seu conxunto avanza cara mínimos históricos. E isto en termos de favorecer a conservación da nosa biodiversidade tradúcese tamén como unha mala nova. A caza menor escora cara uns resultados cada vez máis negativos, e a escaseza e empobrecemento das poboacións, en particular do coello, da lebre ou da perdiz salvaxe, resultan o mellor indicador desta situación. É por iso que debería existir unha nova lei de caza preocupada por o futuro desta actividade e que a súa finalidade sexa protexer e conservar.
Páx. 32-33
A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños – CEMMA - leva máis de vinte anos traballando no estudo, divulgación e conservación dos cetáceos, lobos mariños e tartarugas mariñas en Galiza. Nesta liña, a CEMMA levou a cabo o proxecto “Divulgando a pé de mar” durante os anos 2008-2010 para abordar e estudar a fondo esta cuestión, contando co financiamento da Consellaría do Mar. Posteriormente, nos anos 2009-2011 e dentro do proxecto LIFE+INDEMARES (www.indemares.es) que estivo coordinado pola Fundación Biodiversidad, o traballo estendeuse aos portos de Asturias, Cantabria e Euskadi.