05/06/2025 [10:00:00] [12.40 MB]
A asociación ecoloxista ADEGA fai 50 anos de historia e festéxao cun gran festival en Lugo este sábado 7 de xuño. Ao tempo, abre novas vías de loita contra a celulosa de Altri: presenta na Xunta de Galiza máis de 1.400 solicitudes para reclamar o arquivo inmediato do expediente de tramitación da concesión de augas; e esixe á Xunta que anule a DIA da macrocelulosa por incumprir, a sabendas, unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE. E as rúas volven falar: multitudinaria manifestación en Pontevedra contra o modelo industrial que representan Ence e Altri este pasado domingo, 1 de xuño. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
22/05/2025 [10:00:00] [7.12 MB]
ADEGA e PDRA dan inicio á contenda xudicial contra o proxecto de instalación da macrocelulosa de Altri na Ulloa. E esta semana, coincidindo coa celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000 e do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, diversos colectivos ecoloxistas galegos reclaman a ampliación desta rede de espazos naturais protexidos en Galiza. Ao tempo, a Xunta de Galiza vén de declarar a utilidade pública do parque eólico de Castro Valente, malia estar suspendido cautelarmente polo TSXG. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
15/05/2025 [10:00:00] [7.11 MB]
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta dimite despois de asinar o polémico informe que avalaba o proxecto de Altri en Palas de Rei. Mentres, a multinacional portuguesa reforza a súa presenza en Galiza e pecha a compra de Greenalia Forest e Greenalia Logistics. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza decretou a suspensión cautelar do parque eólico de Seselle, en Oza-Cesuras, por risco de dano a valores ambientais sensibles. Isto e máis, en Radio Cerna!
09/05/2025 [10:00:00] [7.11 MB]
O 90% dos informes que sustentan a declaración ambiental positiva da macrocelulosa de Altri na Ulloa foron asinados por cargos de libre designación da Xunta. A empresa recoñece, ademais, que non pagará polos 381 predios que pretende atravesar cunha condución de auga. O PP veta que a Lei da minaría dea cabida á participación social, e co seu voto impide que o Parlamento se posicione sobre a mina de Doade. Nace o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, unha iniciativa apoiada por máis de 25 entidades do Estado e de Portugal que busca defender esta especie fronte á súa polémica desprotección legal. Isto e máis, en Radio Cerna!
24/04/2025 [10:00:00] [7.09 MB]
O Goberno español deixa finalmente fóra do Perte de descarbonización a multinacional portuguesa Altri, que se enfronta a unha das maiores contestacións sociais en defensa do medio ambiente das últimas décadas en Galiza. Para mostra, o éxito das campañas de micromecenado para financiar a loita xudicial contra o proxecto. Organizacións ecoloxistas e sindicais demandan, ademais, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucalipto. ADEGA-Lugo denuncia que as inundacións provocadas polas pasadas choivas torrenciais son consecuencia directa dun modelo urbanístico que ignora os ríos e impermeabiliza a cidade. Todo isto e máis, en Radio Cerna!
10/04/2025 [10:00:00] [7.11 MB]
Xustiza para o Ulla reúne máis de 35.000 euros en pouco máis de 10 días para a defensa xurídica do Ulla fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro. En canto a esta última, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantén a súa reapertura como proxecto industrial estratéxico malia pedir cárcere a Fiscalía para os responsables da antiga explotación. As emisións industriais de gases de efecto invernadoiro caeron un 24% en Galiza durante 2024. A crise dos pellets impulsa a Unión Europea a aprobar novas regras para reducir os vertidos. Isto e máis, en Radio Cerna!