Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

18/04/2024   [10:00:00]   [24.21 MB]

A loita contra a celulosa de Altri, en Bruxelas

A loita contra a macrocelulosa de Altri chega a Bruxelas. O pasado 15 e 16 de abril, da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, representantes de ADEGA (a vogal de augas, Ana F. Santamarina), Ulloa Viva, Santiso Vivo, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción ou Queremos Parcelarias Xa, xunto con persoal científico e alcaldes dos municipios afectados, visitamos o Europarlamento e a Comisión Europea para denunciar o atentado ambiental que supón a instalación desta factoría na Ulloa. Alí reunímonos con alto funcionariado especializado en normativa medioambiental e expuxemos todos os impactos ambientais e socioeconómicos que implicaría Altri. Estas son as intervencións dos diferentes colectivos en loita contra Altri aos medios de comunicación ao remate das dúas xornadas de traballo. Escoita! 

11/04/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 12/04/24

A Coordinadora Eólica Así Non concéntrase diante do Parlamento de Galiza ao berro de "Rueda escoita, seguimos en loita!" na xornada da investidura do presidente Alfonso Rueda. Os colectivos esíxenlle un cambio radical na súa política enerxética. Ademais, o TSXG suspende de forma cautelar outros sete proxectos eólicos, dous deles a instancias de ADEGA. Xa son 27 en total. ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian ante a Valedora do Pobo o abandono e degradación do xacemento arqueolóxico da Roda en Barreiros, Lugo. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

04/04/2024   [10:00:00]   [7.08 MB]

Boletín informativo ambiental 05/04/24

Altri segue no foco mediático cun proxecto de macrocelulosa con altos impactos ambientais, sociais e económicos para a comarca da Ulloa e o conxunto do país. Ademais, a campaña de doazóns Salva o Lérez. Stop A-57 recada xa máis do 60% dos fondos necesarios para levar un treito da autovía A-57 aos tribunais.  A coordinadora eólica así non chama a participar na manifestación deste sábado 6 de abril en Burela por un modelo alternativo de desenvolvemento da eólica en Galiza. Todo isto e máis, en Radio Cerna. Escoita!

21/03/2024   []   [7.10 MB]

Boletín informativo ambiental 22/03/24

O proxecto de macrocelulosa de ALTRI na Ulloa é un "ataque ao corazón do interior de Galiza". Veciñanza e movemento ecoloxista opóñense a este modelo industrial insustentabe e chaman a presentar alegacións contra a factoría. Ademais, ADEGA e o colectivo Amil Sen Eólicos demandan ante o TSXG a paralización inmediata das obras do polígono eólico Acibal, un "espolio patrimonial". A campaña de doazóns Salva o Lérez. STOP A-57 acada na súa primeira semana o 30% dos fondos precisos para procurar frear nos tribunais o treito 2 da A-57 no rural pontevedrés. Esta semana celebrouse o Día Internacional dos Bosques e o Día Mundial da Auga. Falamos disto e de máis, no novo programa de Radio Cerna!

14/03/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 15/03/24

ADEGA lanza unha campaña para salvar o espazo de Rede Natura do Lérez da autovía A-57, que implicará a construción dun viaduto de 700 metros sobre este río. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paraliza cautelarmente ata 18 proxectos eólicos desde a sentenza do Supremo que restrinxía os argumentos polos que anular parques. Paira sobre a veciñanza a preocupación polo proxecto de macrocelulosa que prevé instalar ALTRI na Ulloa. Este foi o inverno en Galiza máis cálido dende que hai rexistros. Todas estas novas e outras, en Radio Cerna!

29/02/2024   [10:00:00]   [7.12 MB]

Boletín informativo ambiental 01/03/24

ADEGA denuncia os impactos do proxecto de ALTRI na Ulloa sobre os recursos hídricos; e a Serra da Groba libra, polo momento, dos proxectos eólicos polas súas afectacións ambientais. Ademais, esta semana o Parlamento Europeo aprobou definitivamente a Lei de Restauración da Natureza, mentres que relaxa os requisitos ambientais para obter axudas da PAC no medio das protestas do campo. Todo isto e máis, neste novo programa de Radio Cerna. Escoita!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal