Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Nova denuncia na Fiscalía polas obras do camiño...
03-10-2019
As entidades ecoloxistas ADEGA e a SGO, en nome da plataforma Salvemos o Iribio, veñen de presentar ante a Fiscalía provincial de Lugo un escrito no que se pide que o Ministerio Fiscal investigue se a empresa que está a construír o parque eólico Serra do Oribio, Fergo Galicia Vento SL, cumpre coa disposición da Consellaría de Industria que lle prohibe acceder ao cumio da serra a través do camiño que pasa por Airapadrón e Lampazas, no concello de Samos. Desde a plataforma Salvemos O Iribio téñense observado nos últimos días subir camións de obra cara o cumio da Serra polo percorrido polo que prohibiu acceder a Consellaría de Industria. Isto, sumado á evolución que teñen experimentado nas últimas semanas as obras do parque eólico, suxire que a empresa estaría incumprindo tal prohibición disposta o pasado 21 de agosto.
Xa no mes de maio, a empresa Fergo Galicia Vento SL mudara pola súa conta o trazado de acceso ao parque eólico aprobado pola consellaría de Industria de forma irregular e coa conivencia do Concello de Samos, sen ter obtido previamente as autorizacións preceptivas das consellarías de Medio Ambiente e de Cultura da Xunta, así como da propia Consellaría de Industria, poñendo en risco a preservación dun camiño público que forma parte da zona de especial conservación Ancares-Courel e de Rede Natura e que pertence tamén ao BIC Camiño de Santiago Francés.
Estes feitos foron denunciados por ADEGA o pasado 14 de agosto, unha vez que puido acceder ao expediente de modificación do proxecto eólico e comprobar que a empresa, nin estaba a respectar o trazado aprobado para acceder ao parque eólico, nin tiña solicitado a modificación de tal trazado no proxecto, a cal debería ser avaliada ambientalmente. En resposta a aquela denuncia, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de confirmarlle a ADEGA que os feitos denunciados son certos e que desde o 21 de agosto a empresa ten prohibido acceder coa súa maquinaria polo trazado modificado, que discorre por Airapadrón e Lampazas (Samos) ata o alto do Iribio.
Sen embargo, desde a plataforma Salvemos o Iribio estamos a comprobar como as obras seguen o seu curso no cumio da serra, sen que a prohibición de acceso polo trazado non autorizado, emitida hai máis de un mes, pareza ter afectado a evolución das mesmas ou a disposición de maquinaria e de material na zona do poligonal do parque. Desde a plataforma Salvemos O Iribio advertimos que esta non sería a primeira vez que Fergo Galicia Vento SL estaría a actuar sen o permiso da Administración ou en contra das súas disposición, xa que no pasado mes de maio iniciou as obras do parque eólico sen as licenzas e autorizacións previas da Xunta, o que derivou nunha paralización cautelar.
ADEGA e a SGO tamén solicitan á Fiscalía que investigue se existe responsabilidade penal por parte do rexedor do Concello de Samos, o socialista Xulio Gallego, por permitir a Fergo Galicia Vento SL realizar as obras de “acondicionamento” do camiño que vai por Airapadrón (Samos) ata o cumio da Serra para dar servizo ao parque eólico, sen a autorización previa dos diferentes organismos da Xunta competentes no espazo natural protexido como Rede Natura e BIC Camiño de Santiago. Estas obras comezaron xa a finais do pasado mes de maio, e tras a denuncia de ADEGA e doutras entidades ecoloxistas, tamén foron paralizadas temporalmente polo Concello de Samos por “carecer de toda autorización administrativa” e por realizar “movementos de terras non autorizados en terreos situados na delimitación do parque eólico”, segundo o concello.
Porén, inexplicablemente, o pasado 5 de xullo, o alcalde de Samos levantou parcialmente a paralización cautelar das obras, permitindo á empresa continuar sen licenza municipal coas obras do camiño desde Airapadrón ao longo de todo o seu percorrido de subida cara ao cumio da serra, agás en 25 metros onde se fixeron desmontes e alteracións do terreo supostamente non autorizados polo concello, e que a xuízo do goberno local terían que ter contado co permiso preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta.
Desde ADEGA e a SGO consideramos inaudito que o Concello de Samos permita realizar obras de carácter industrial nunha zona de Rede Natura e BIC sen informar á Xunta e que, ademais, pretenda legalizar estas obras de accesos por treitos, pois só considera necesaria a autorización de Medio Ambiente para obrar sobre uns 25 metros do percorrido, cando todo o trazado de acceso ao parque eólico forma parte dun espazo natural protexido como Rede Natura.
Lamentablemente, estas obras non autorizadas pola Xunta a día de hoxe xa foron executadas pola empresa eólica co visto bo do Alcalde de Samos, sen ter habido antes unha avaliación adecuada do impacto das mesmas sobre o territorio afectado, e sen contar aínda cun informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou coa aprobación da modificación do trazado de acceso por parte da Consellaría de Industria.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal