ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA denuncia que a Confederación Hidrográfica...

30-07-2026

ADEGA denuncia que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil difunde información enganosa sobre o uso público da servidume do río Miño en Lugo

ADEGA-Lugo vén de denunciar a instalación por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil de varios paneis informativos na zona de servidume do río Miño, á altura do Club Fluvial de Lugo, que ofrecen unha información parcial e nesgada sobre os usos permitidos nesa franxa de dominio público hidráulico.

Os carteis recollen unha relación de supostos usos autorizados da zona de servidume, atribuíndoos ao artigo 7.1 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico. Porén, a información reproducida omite deliberadamente unha das finalidades fundamentais que a propia norma recoñece expresamente: o paso público peonil.

Mentres nos paneis aparecen referencias ao paso do persoal de vixilancia, ás actividades de pesca fluvial, ao salvamento de persoas e bens, ao varado ocasional de embarcacións e á protección do ecosistema fluvial, desaparece por completo a mención ao paso público peonil, que figura literalmente no artigo 7.1.b) do Regulamento do Dominio Público Hidráulico:"Paso público peatonal y para el desarrollo de los servicios de vigilancia, conservación y salvamento..."Ao eliminar a referencia ao paso público peonil, os paneis inducen a pensar que a circulación pola servidume do río queda limitada a determinados colectivos ou actividades, cando a normativa establece precisamente o contrario.

A delegación de ADEGA en Lugo lembra que a zona de servidume dos ríos constitúe un espazo de uso público destinado, entre outras finalidades, a garantir o libre tránsito peonil. A cidadanía ten dereito a coñecer cales son os usos permitidos do dominio público hidráulico, polo que resulta especialmente grave que sexa a propia Administración encargada da súa protección quen difunda información incompleta ou potencialmente enganosa.

Un organismo público que ignora a lingua propia de Galiza

ADEGA-Lugo denuncia tamén que esta sinalización instalada pola CHMS se atopa exclusivamente en castelán, excluíndo completamente o galego.
Esta actuación resulta impropia dunha administración pública que exerce as súas competencias en Galiza e supón un desprezo aos dereitos lingüísticos da cidadanía galega. O artigo 5 do Estatuto de Autonomía establece que o galego é a lingua propia de Galiza e que os poderes públicos deben garantir o seu uso normal e oficial. Pola súa banda, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, impón ás administracións públicas a obriga de promover o emprego do galego e de asegurar a súa presenza nas comunicacións e informacións dirixidas á cidadanía.

A exclusión do galego dunha sinalización institucional permanente instalada nun espazo público de Galiza non só carece de xustificación, senón que contradí o espírito e a finalidade da normativa de normalización lingüística, contribuíndo á invisibilización da lingua propia do país nun ámbito que debería ser exemplar desde o punto de vista do respecto aos dereitos lingüísticos.

ADEGA-Lugo solicita a substitución inmediata dos paneis

Por todo o anterior, ADEGA-Lugo insta á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a retirar de inmediato os paneis actuais e substituílos por outros que:

  • reproduzan de forma íntegra e fiel o artigo 7.1 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, incluíndo expresamente o dereito ao paso público peonil
  • estean redactados en galego, garantindo o respecto á oficialidade da nosa lingua e aos dereitos lingüísticos da cidadanía galega.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal