Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe á Xunta que denegue as solicitudes de...
30-07-2026
Empresas eólicas con parques paralisados cautelarmente polo TSXG para evitar danos ambientais irreparábeis, están a solicitar á Xunta a declaración de utilidade pública para poder ocupar as terras ou expropialas, nunha posíbel manobra de intimidación.
É o caso do parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo ao carón do Macizo Central Ourensán, inicialmente promovido por Greenalia e posteriormente vendido á empresa francesa Engie, a antiga GDF Suez (Gaz de France). As autorizacións deste parque foron recorridas por ADEGA en 2024 mediante a interposición dun contencioso-administrativo no TSXG. O Alto Tribunal Galego concedeu as medidas cautelares solicitadas e paralisou a execución da infratestrutura en agosto dese mesmo ano.
No seu auto, a Sala recollía que ADEGA conseguíu demostrar a presenza de "elementos ambientais altamente sensíbeis ou ameazados" na zona afectada, polo que acreditouse de forma "clara" que a construción do proxecto comportaba un "risco de dano irreparábel ou de difícil reparación dados os valores ambientais comprometidos".
Na área afectada habitan especies ameazadas coma a aguia real o voitre branco ou millafre real, polo que o Tribunal acolleuse ao Principio de precaución disposto no dereito comunitario e paralisou cautelarmente o parque, ao entender que as "poderosas razóns ambientais" achegadas por ADEGA debían prevalecer sobre as "razóns económicas" aducidas pola empresa e a Xunta.
O parque eólico Xesteirón é unha das instalacións que entrou no pacote de 182 MW que Greenalia vendeu á francesa Engie por 58 millóns de €. Esta venda anunciouse a principios de xuño de 2023, poucos días despois (26 de maio de 2023) de que o TSXG anulara as autorizacións do parque eólico Campelo, o primeiro dun longo ronsel de parques anulados a Greenalia polo Alto Tribunal galego.
Daquela, ambas compañías evitaron anunciar que activos (parques eólicos e fotovoltaicos en tramitación en Galiza e Andalucía) estaban implicados na operación. ADEGA puido pescudar que os parques eólicos galegos vendidos a Engie foron, xunto co de Xesteirón (39,6 MW), os de Rodicio II (10,4 MW), As Penizas (31,2 MW), Touriñán III-2 (24 MW) e Suime (30 MW). Todos eles atópanse nestes intres paralisados cautelarmente polo TSXG, os catro primeiros por denuncia de ADEGA no marco da campaña "Ti podes paralos" e o de Suime por outras entidades.
Chama a atención a urxencia de Greenalia en desfacerse de activos que, logo do fallo do TSXG anulando o seu "parque insignia" de Campelo, poderían considerarse "problemáticos". E non tanto pola cuestión da fragmentación artificiosa, posteriormente anulada polo Tribunal Supremo para os parques de Campelo e Bustelo, senón polo feito de amosaren graves eivas ambientais postas de manifesto polo Tribunal en todos os autos.
Este poderoso argumento, nidiamente presente no auto do Campelo e posteriormente nos das demais instalacións recorridas, xunto coa necesidade de "facer caixa" e afontar a débeda de 40 millóns de € co Santander que vencía a finais de 2023, ben puido ser a causa da apresurada venda destes 5 parques, verdadeiros activos tóxicos, á francesa Engie.
A enerxética Engie, prexudicada polas suspensións dos seus 5 proxectos eólicos en Galiza como resultado do desafortunado negocio con Greenalia, solicita agora a utilidade pública do parque eólico Xesteirón, un deses 5 malfadados parques.
É moi probábel que este proxecto, xunto cos demais suspendidos polo TSXG, continúe paralisado até que se resolva o fondo do asunto posiblemente dentro de varios anos. Lembremos que dos máis de 80 parques paralisados cautelarmente polo Alto Tribunal galego, só os dous primeiros (Campelo e Bustelo, precisamente de Greenalia e recorridos en 2022) foron obxecto de sentenza, e ademais contraria en primeira instancia aos intereses da promotora.
Dende ADEGA descoñecemos as razóns polas que Engie pretende agora forzar a tramitación das expropiacións dun parque eólico paralisado pola Xustiza, que moi probabelmente non chegará a resolver (incluindo os posíbeis recursos) até dentro de varios anos. Podería tratarse dunha estratexia "de cara á galería" para por unha banda amosar aos seus accionistas que o proxecto segue vivo e non tiraron cos cartos, e por outra axitar o espantallo das expropiacións para ir amansando á veciñanza comprometida coa preservación do Macizo Central.
Sexa como for, ADEGA esixe á Xunta que mentres a execución deste parque, ou de calquera outro, siga paralisada pola Xustiza e pendente de recurso, non autorice ningunha actuación administrativa e menos aínda declare de utilidade pública unha instalación con fundadas sospeitas de causar un "dano irreparábel aos valores ambientais comprometidos".
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal