ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A campaña "Río Rato sen cemento" reúne os...

28-07-2026

A campaña "Río Rato sen cemento" reúne os primeiros 6000 € para defender as nacentes do río nos tribunais

ADEGA-Lugo anuncia que, en menos dun mes, acadáronse os 6000€ do primeiro reto de recadación da campaña “Río Rato sen cemento”. Este primeiro reto cumprido garante que ADEGA poida presentar o recurso contencioso-administrativo contra o desenvolvemento urbanístico previsto nas nacentes do río Rato, un proxecto que suporía a urbanización dunha das zonas naturais de maior valor ambiental da cidade de Lugo.

Desde a asociación agradecen a resposta da cidadanía, que demostrou o seu compromiso coa defensa do patrimonio natural da cidade. A consecución deste primeiro obxectivo evidencia que existe unha parte moi importante da sociedade lucense e galega disposta a mobilizarse para protexer as nacentes do Rato e defender un modelo de cidade que poña o patrimonio natural por riba da especulación urbanística.

A asociación destaca que cada achega, independentemente da súa contía, representa un respaldo ao traballo colectivo que se está desenvolvendo para impedir a destrución dun espazo chave para a conservación da biodiversidade, a regulación climática e a conectividade ecolóxica entre o río Rato e o Miño.

A campaña non rematou: faltan outros 6000 €

ADEGA lembra que a campaña de doazóns continúa aberta. O obxectivo final é alcanzar 12.000 € nos vindeiros dous meses, cantidade necesaria para asumir o conxunto dos gastos derivados do procedemento xudicial, incluíndo informes técnicos, representación procesual e demais custos asociados á defensa legal das nacentes do Rato.

Os primeiros 6.000 € demostran que a cidadanía cre neste proxecto e quere defender as zonas verdes da cidade. Agora é necesario completar o camiño para poder afrontar o proceso xudicial con todas as garantías. Cada nova doazón achéganos un pouco máis ao obxectivo e deixa claro que hai moita xente disposta a defender as nacentes do Rato.

ADEGA fai un novo chamamento á veciñanza, ao tecido asociativo e a todas aquelas persoas comprometidas coa conservación do territorio para que continúen colaborando coa campaña. A entidade lembra que esta non é só unha batalla xurídica, senón tamén unha oportunidade para demostrar que a sociedade lucense está disposta a implicarse activamente na defensa dos espazos naturais fronte a un modelo urbanístico obsoleto e incompatible coa emerxencia climática.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal