ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Especial chamamento ao Voluntariado para...

19-01-2024

Especial chamamento ao Voluntariado para participar na manifestación deste domingo "En defensa do mar"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) fai un chamamento á cidadanía galega para que participe masivamente na manifestación “En defensa do mar”, convocada pola plataforma “Nunca Máis” para o vindeiro domingo, 21 de xaneiro, en Santiago de Compostela. Mais, fai un especial chamamento á participación dos milleiros de voluntarios e voluntarias que desde o primeiro día desta crise ambiental  se lanzaron ás praias, sen ningún tipo de axuda pública nin información, para intentar coas súas propias mans retirar os pelets plásticos das praias galegas, mentres a Xunta de Galicia e administración do Estado se dedicaba na esquivar responsabilidades e a dirixirse acusacións cruzadas sen que mediase unha información clara e transparente do acontecido.

Diante desta situación, desde ADEGA reivindicamos o papel exercido polo voluntariado e os colectivos sociais, nomeadamente locais, que foron os primeiros en alertar da gravidade da situación e en procurar solucións viábeis, mesmo técnicas, para proceder á retirada dos pelets das praias e facer seguimento da incidencia do vertido nas costas galegas. Unha vez máis, e seguindo o esquema de anteriores episodios de contaminación mariña, son os colectivos cidadás e as persoas voluntarias as que demostran ter, fronte as administracións públicas, unha maior sensibilidade ambiental e sentido de responsabilidade na preservación e coidado dos nosos mares e costas. 

Lembramos que a Xunta tardou un mes, desde o estalido da crise ambiental dos pelets de plástico, en proporcionarlle á cidadanía voluntaria un protocolo de actuación, tomando como referencia o que ADEGA publicou na súa páxina web. Hoxe en día, a Xunta segue a desprezar o voluntariado autoxestionado e ás organizacións ecoloxistas que estamo a proporcionar unha formación  e información real ao voluntariado das praias con recursos moi limitados. 

Este domingo temos a oportunidade de esixirlles ás administracións públicas competentes que non miren para outro lado, que actúen con responsabilidade e non deixen a resolución da contaminación mariña en mans das persoas voluntarias. Desde ADEGA animamos a todo o voluntariado ambiental galego a participar na manifestación convocada pola plataforma “Nunca Máis”, da que esta asociación ecoloxista fai parte, para esixir dunha vez por todas que:

-Xunta e ao Estado reaccionen con axilidade e responsabilidade diante de incidentes ou accidentes que provocan verteduras e mareas negras e plásticas no noso mar, coa maior vontade de cooperación e colaboración institucional, na procura da seguridade e saúde das persoas e do medio ambiente. 

-Activación inmediata do Plan CAMGAL ante o coñecemento de calquera perda de carga ou vertido ao mar de importancia, e revisión da súa aplicación, de xeito que esta non dependa da decisión política do goberno de quenda senón de causas técnicas ou obxectivas. Neste senso, cómpre activar tamén un Comité Científico Permanente interdisciplinar, destinado a avaliar os riscos de futuros eventos contaminantes no mar no que estea representado o ecoloxismo galego.

-Absoluta transparencia de información desde o minuto cero sobre a orixe, natureza, toxicidade, evolución e consecuencias dos vertidos, tanto no medio ambiente como nas persoas, así como sobre os medios aéreos, marítimos e satelitais de oceanografía operaciona utilizadosl no control do tráfico e seguemento dos vertidos, e das medidas de intervención no mar para evitar a chegada dos residuos ás nosas costas. Neste senso, ADEGA demandoulle á Conselleira de Medio Ambiente e á Delegación do Goberno que poñan a disposición do público xeral un portal web de información permanente, en tempo real ou cuase-real, sobre vertidos mariños e a calidade das augas das rías.

-A dotación dos medios e recursos necesarios para abordar a limpeza das verteduras contaminantes accidentais no mar e nas praias, e absoluta colaboracion cos concellos e sectores máis afectados.-O apoio decidido aos labores  do voluntariado, amparándoo coas máximas garantías legais de seguridade e coa suficiente formación e información para que a súa actuación masiva no xere efectos negativos no medio ambiente. 

-Que se adopten medidas preventivas efectivas contra a contaminación mariña por plásticos, declarándoos como materiais perigosos para o medio mariño, de forma que se procure a redución do seu tránsito por mar, e se obrigue aos cargueiros a tomar maiores medidas de seguridade e control na custodia deste tipo de mercadorías por mar.

Este domingo, 21 de xaneiro, vémonos en Compostela (12h Alameda, 14:30h Obradoiro) ACUDE EN DEFENSA DO NOSO MAR !!

Buses a Compostela e quedada na Alameda

BUSES: Lembra que aínda estás a tempo de reservar praza nos autobuses que entidades ecoloxistas puxeron a disposición para o traslado a Compostela.

RESERVA A TÚA PRAZA AQUÍ: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScu5WWKCC_R36oCAtz_SCsFlZDHk7xBHOebP59QOZNSzopN4Q/viewform

QUEDADA NA ALAMEDA: ADEGA convoca aos seus socios/as, voluntariado e simpatizantes na fonte da Alameda (ás 11:45 horas) para o reparto de material.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal