ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA convoca novas limpezas ante a marea de...

17-01-2024

ADEGA convoca novas limpezas ante a marea de pellets en praias de Cangas, Muros e Barreiros este sábado

A asociación ecoloxista coordinou a semana pasada máis de 210 persoas voluntarias que retiraron en torno a 24 kg de pellets e máis de 100 kg doutros residuos.


A asociación ecoloxista ADEGA fai unha nova convocatoria á sociedade galega a participar en varias limpezas de praias simultáneas ante a marea de pellets plásticos que segue chegando ás costas de Galiza. Estas accións terán lugar o próximo sábado, 20 de xaneiro, en areais de Cangas e Muros, onde se conta co apoio dos concellos, e Barreiros, limpeza coa que colabora o Concello de Lugo.

En concreto, a limpeza no concello de Barreiros terá un carácter formativo e estará dirixida, sobre todo, a aquelas persoas que teñan interese en coordinar futuras accións de voluntariado para a retirada de microplásticos e outro lixo mariño dos areais. Este carácter formativo responde á necesidade de achegar ao voluntariado instrucións precisas e claras de como se debe de actuar para realizar unha limpeza adecuada de residuos e, particularmente, dos pellets de microplástico que asolan as nosas costas. O Concello de Lugo, que financia esta actividade, porá a disposición das persoas participantes un autobús con saída de Lugo ás 10:00h e hora estimada de regreso ao mesmo punto da cidade ás 15:45h.

O persoal de ADEGA que coordinará estas actividades poñerá a disposición de todas as persoas participantes un protocolo de limpeza do lixo mariño, con especificacións concretas para a retirada adecuada de pellets de microplástico das praias, o seguro e o material necesario para o desenvolvemento da limpeza con todas as medidas de seguridade. As prazas para calquera das tres xornadas son limitadas e o voluntariado interesado en participar xa pode inscribirse a través dos seguintes formularios:

- Xornada de limpeza de praias en Cangas/Muros: https://goo.su/oV88BUh
- Xornada de limpeza de praias en Barreiros: https://goo.su/NXlKvKS

Unha vez aceptadas as solicitudes, as persoas voluntarias recibirán por correo electrónico toda a información específica sobre os puntos de encontro e as praias concretas nas que se actuará. Para futuras convocatorias, as persoas interesadas poden preinscribirse a través destroutra ligazón: https://forms.gle/eJt8qJ1Q3DFqQtCk8

24 kg de pellets recollidos e máis de 107 kg doutro lixo mariño

A asociación ecoloxista ADEGA responde con estas novas convocatorias á alerta ambiental derivada do vertido de pellets plásticos por parte dun buque da empresa armadora do Toconao o pasado mes de decembro. Xa ao longo da pasada semana, a organización coordinou en torno a 210 persoas voluntarias que se achegaron a varios puntos da costa galega para colaborar na retirada de lixo mariño. Todas estas persoas recibiron formación básica para a coordinación de grupos de voluntariado nas limpezas de praias. Nestas accións recolléronse un total de 24 kg de pellets plásticos e máis de 107 kg doutros residuos, particularmente, nos areais de Boa Grande (Noia), Lariño (Muros), Queiruga e Arnela (Porto do Son), Pedra da Sal (Carballo), Nerga (Cangas) e Barreiros.

Manifestación en defensa do noso mar

Máis alá das actuacións desenvolvidas a pé de praia, ADEGA tamén fai un chamamento á sociedade a acudir á manifestación convocada polo movemento ecoloxista e o sector do mar este domingo, 21 de xaneiro, en Compostela, co obxectivo de denunciar a tardanza e o desleixo das administracións públicas na xestión desta chegada masiva de materiais plásticos á costa galega. Diante dos potenciais riscos para a saúde, o medio ambiente e os recursos pesqueiros, as organizacións convocantes piden saír á rúa para demandar que non se repitan os erros cometidos durante a catástrofe do Prestige e esixir medidas perante a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan diante das costas de Galiza.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal