ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA insta á Xunta e ao Estado a retirar...

04-01-2024

ADEGA insta á Xunta e ao Estado a retirar urxentemente os millóns de microplásticos vertidos nas costas galegas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) insta á Xunta de Galicia e á demarcación de Costas de Galicia a que activen urxentemente o Plan de continxencias por contaminación mariña accidental ante a aparición nos últimos días de toneladas de microplásticos nas costas galegas. Os microplásticos apareceron inicialmente nas praias de Noia, Muros e do Barbanza tras a suposta caída ao mar galego dun container dun buque que transportaba pellets de plástico inferiores a 5 milímetros para a fabricación de botellas ou outro tipo de produtos plásticos en procesos industriais.

Malia a que a primeira alerta pública sobre a aparición destes residuos nas costas galegas tivo lugar o pasado 15 de decembro, ata o momento, nin a Xunta nin Costas están a facer nada para controlar a afectación deste vertido, detectar os puntos de contaminación ou proceder á retirada dos microplásticos. Estes residuos, de non ser eliminados das praias, poderían acabar facendo parte da nosa cadea trófica ou alimentaria, inxeridos pola fauna mariña, alén de supoñer unha nova agresión contaminante sobre o noso litoral e toda a biodiversidade costeira. Lonxe de resolverse o problema, a cada marea, seguen chegando máis microplásticos ás nosas costas e xa hai avisos da súa arrivada en praias de Lugo e mesmo de Asturias e Cantabria.


Polo que sabemos ata o momento, e á falta doutra información oficial, só particulares e algunhas confrarías de pescadores, servizos de protección civil e asociacións locais, como Noia Limpa, están a acudir voluntariamente ás praias para retirar estes restos plásticos das costas, recolléndoos en sacos para levalos aos puntos limpos. Porén, ningunha destas actuacións está sendo supervisada polas administracións púbilcas, nin contan con ningún tipo de intrucións, protocolo, seguro, ou apoio institucional. Ademais, este vertido, xa está afectando a algún espazo natural protexido, como é o caso dos areais de Corrubedo, polo que poderían estar exercendo un efecto negativo sobre hábitats e especies protexidas a nivel europeo e internacional.

ADEGA lémbralle á administración galega que, ante episodios deste tipo, debe poñer en marcha un plan de continxencias que procure a protección das persoas, do medio ambiente e dos bens que resulten afectados por sucesos accidentais, como o acontecido, e que provoquen a contaminación mariña. Neste senso, no marco das súas competencias, teñen responsabilidades as Consellarías do Mar, de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de Sanidade e á propia Presidencia da Xunta. Así mesmo, tamén apelamos á Demarcación de Costas de Galicia para que exerza as súas competencias na materia.

Desde ADEGA lamentamos comprobar unha vez máis como ante novos episodios de contaminación mariña das nosas costas, as administracións públicas seguen mirando cara a outro lado, exercendo unha clara deixazón de funcións, que volve a poñer nas mans da cidadanía a responsabilidade de protexer e coidar a nosa contorna litoral. Desde ADEGA manifestamos a nosa vontade de recorrer ás accións xurídicas que fagan falla se as as administracións públicas competentes seguen sen actuar.

*Fonte das imaxes: Facebook Noia Limpa.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal