ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA pecha un 2023 de solidariedade histórica...

20-12-2023

ADEGA pecha un 2023 de solidariedade histórica contra a vaga eólica: fican 1.000 euros para acadar todos os retos Ti Podes Paralos!

ADEGA xa interpuxo no TSXG máis da metade dos recursos contencioso-administrativos previstos na campaña #Tipodesparalos e solicitou a paralización cautelar doutros tantos polígonos eólicos autorizados pola Xunta.


A piques de que remate o ano 2023, a organización ecoloxista ADEGA fai balanzo dos resultados da campaña de recadación solidaria #Tipodesparalos, impulsada co obxectivo de reunir os fondos necesarios para recorrer a actual vaga eólica ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A valoración da organización ecoloxista galega non pode ser máis positiva tendo en conta que só faltan 1.000 euros para superar con éxito todos os desafíos da campaña!

Actualmente, só fican activos dous retos de recadación relativos aos polígonos eólicos Estivada e Zamorra, autorizados nas comarcas do Deza e Ulloa, obxecto de fragmentación artificial e que afectan á contorna de espazos naturais protexidos como son os Sobreirais do Arnego ou a Serra do Careón. Ambos proxectos están a tan só 1000 euros de poder ser recorridos nos tribunais por ADEGA, polo que a entidade chama a cidadanía galega a facer un último esforzo solidario que consumaría, non só o éxito destas dúas últimas iniciativas de recadación, senón de todas as que ADEGA impulsou durante 2023 a través da web da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

De recibir este último pulo, ADEGA tería alcanzado en 2023 un fondo solidario de máis de 185.000 euros para recorrer na vía xudicial 28 dos 75 polígonos eólicos autorizados pola Xunta de Galiza o pasado mes de abril, coa intención de evitar que estas instalacións causen danos irreversíbeis no medio ambiente e no patrimonio galego. Arestora, ADEGA xa ten presentado recurso contencioso-administrativo contra unha quincena de proxectos eólicos para os que tamén solicitou ao TSXG a paralización cautelar. Agardando completar a lista de recursos xudiciais a comezos de 2024, os polígono eólicos xa recorridos en 2023 grazas á solidariedade colectiva son: Campo das Rosas, Rodicio II, Xesteirón, Monte da Croa, Pico Seco, Valdepereira, Vilartoxo, Troitomil, Monte Festeiros, Touriñán III-2, As Penizas, Porto Vidros, Outeiro Grande ou Rodeira.

“Ti podes paralos!”, unha iniciativa a imitar

Estes resultados converten a “Ti podes paralos” na iniciativa máis exitosa de todas as campañas de micromecenado que se teñan lanzado en Galiza con fins de defensa ambiental, non só pola envergadura dos fondos recadados, senón tamén polo número de achegas. En total contribuíron á causa máis de 2.000 doantes entre persoas particulares, colectivos e empresas, cifra que dá conta da existencia dun amplo rexeitamento social ao actual acoso das eléctricas ao país.

O éxito da iniciativa de ADEGA non pasa desapercibida para outros territorios limítrofes que sofren unha situación similar e que atopan en #TiPodesParalos unha ferramenta de referencia, real e efectiva, para apoderar a sociedade fronte a ofensiva eólica. #TiPodesParalos foi a inspiración da recente campaña de recadación solidaria impulsada por colectivos asturianos para poder recorrer nos tribunais varios proxectos eólicos autorizados polo Ministerio e o Principado na comarca de Oscos-Eo. Con esta finalidade, as entidades Xente de Oscos-Eo, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Asociación Cultural Cultivarte Occidente e a Casa Azul de Valdepares veñen de facer pública a campaña “Tú puedes pararlos! Salvemos Oscos-Eo!”, á que se pode contribuír na seguinte web: https://salvemososcoseo.helpbysc.com/.

Desde ADEGA recibimos esta noticia con ilusión e moita satisfacción por ver como a nosa experiencia resulta inspiradora e de axuda para os pobos veciños que tamén se senten abafados e indefensos pola actual vaga eólica.

A loita continúa en 2024

ADEGA agarda poder dar por finalizadas con éxito todas as campañas #TiPodesParalos antes de que remate o ano, pero non descarta ter que iniciar en 2024 novos retos de recadación solidaria para seguir defendendo nos tribunais o medio ambiente galego, se a Xunta ou o Estado persisten en outorgar autorización administrativas a proxectos eólicos cunha avaliación ambiental deficiente ou que vulneran a legalidade vixente. Confía en que en 2024 se resolvan algúns dos recursos contencioso-administrativos interpostos pola asociación no TSXG grazas á campaña #TiPodesParalos e que, ao tempo, se efectivicen as solicitudes de paralización cautelar dos 28 polígonos eólicos recorridos.

A entidade ecoloxista móstrase convencida de que 2024 traerá novas vitorias xudiciais para ADEGA e, en xeral, para o movemento ecoloxista galego e as outras plataformas sociais que se enfrontan nos tribunais á depredación eólica do país. ADEGA lembra que nos últimos dous anos conqueriu sendos logros, como a as anulacións dos proxectos eólicos Serra do Iribio, Campelo e Bustelo ou a paralización cautelar do polígono Monte Toural, que avalan a efectividade da loita ecoloxista nos tribunais e que dan azos ao pobo galego a seguir loitando e mobilizándose contra os abusos das grandes multinacionais da enerxía e dos gobernos, e a favor dunha transición enerxética participada, xusta e sustentábel.

Agradecementos

ADEGA aproveita o presente balanzo de resultados da campaña #TiPodesParalos para manifestar un sincero agradecemento a todas aquelas persoas colaboradoras, plataformas e organizacións que están conseguindo que o ecoloxismo galego poida botarlle un pulso ao actual espolio eólico do país nos tribunais. Sen elas, non sería posíbel. Por diante queda un longo treito xudicial, mais cando menos, xa ficou patente que o pobo galego reclama con determinación o freo desta vaga e o seu dereito a participar no deseño dunha transición ecolóxica verdadeiramente xusta.

Desde ADEGA e a equipa coordinadora da campaña #TiPodesParalos queremos expresar un especial recoñecemento a unhas 60 entidades e persoas que exerceron un papel extraordinario como embaixadoras da causa:

Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO)
Plataforma de Afectadas/os Eólicos Vila de Cruces
Fundación Eira da Xoana
Rapa das Bestas de Sabucedo
Asociación Xermolos e Festival de Pardiñas
Asociación Alarma Terra de Montes
Asociación Lobo
Amil Sen Eólicos
Asociación Vendaval
Asociación Fonte Seca da Baña
Asociación Vento Libre do Val do Dubra
Asociación Calo Rural
Viarum Dezae Camiños de Deza
Roteiros de Lalín
Terras Altas de Trevinca
Eólicos no Morrazo NON
Asociación Morcegos de Galicia
Burla Verde
Roxín Roxal
Federación Galega de Montañismo
Fenda - Embaixada Popular Galega
Plataforma SOS Suído Seixo Mina Alberta NON
Colectivo A de Rousmeri
Gastro Café Roi Xordo de Allariz
Arca da Noe de Vilar de Santos
Club Clavicémbalo de Lugo
Sala Aturuxo de Bueu
Catro Ventos Editora
Comunidade de montes da Murada
Acontravento
Comunidade de montes da Mamoa
Comunidade de montes de Tomonde
Comunidade de montes Casa das Minas-Chamadoira
Comunidade de montes de Liñares
Comunidade de montes de San Bernabé
Comuindade de montes de Pedre
Comunidade de montes de Costa San Adrián
Comunidade de montes de Moaña
Comunidade de montes de Tameiga
Comunidade de montes de San Martiño de Vilaboa
Comunidade de montes de Correa (Beariz)
Comunidade de montes de Framia
Comunidade de montes de Quireza (Cerdedo-Cotobade)
Comunidade de montes de Meira (Beariz)
Grupo Vocal Solo Voces
Concello de Moaña
Jaro da Silva
Nieves Neira
Carmen Méndez
Iván Mouronte
Brigitte Vasallo
Encontro Queixa Vive
Pilar Campos
Elena Ferro
Rosalía Fernández Rial
Toxío
Guadi Galego
Orgullo Galego
Abraham Cupeiro
Leti da Taberna
Eduardo de Martís Eloi dos Freiría (Porquins & Treboporco)

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal