ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Sete organizacións ecoloxistas reclaman a súa...

27-11-2023

Sete organizacións ecoloxistas reclaman a súa inclusión en REDEMAR

ADEGA, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción Galiza, Greenpeace, SEO/BirdLife, Sociedade Galega de Historia Natural e WWF España dirixiron a súa solicitude por carta á Consellaría do Mar.

Reivindican que a súa participación está amparada pola Política Común de Pesca e a nova Lei de Pesca Sostíbel e Investigación Pesqueira. Con isto pretenden contribuír ao diálogo entre os axentes sociais da pesca na súa transición ecolóxica, coma ocorre xa no ámbito europeo e na maioría das comunidades autónomas que xa inclúen as organizacións medioambientais ao mesmo nivel que o resto de axentes.

ADEGA, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción Galiza, Greenpeace, SEO/BirdLife, Sociedade Galega de Historia Natural e WWF España dirixíronse por carta ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez e á Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, solicitando a modificación do artigo 4 da “ORDE do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galiza” para que se inclúa na súa composición “unha persoa como representante e outra suplente por cada unha das asociacións representativas de intereses medioambientais en Galiza en materia de pesca marítima que así o soliciten”.

As asociacións apoian á Consellería pola creación da Rede, pero critican que na súa composición non se contemplase dende o principio a inclusión de organizacións ambientais que traballan na conservación dos ecosistemas mariños e na sostibilidade socio-ambiental da actividade pesqueira, malia que na exposición de motivos da mesma Orde se sinala que “é de destacar tamén a importancia que tanto o FEMP como o Programa Operativo concede ao fomento da participación da sociedade civil no desenvolvemento sostíbel da pesca”.

Os dereitos de participación cidadá en relación co medio ambiente están regulados e recoñecidos a nivel internacional no Convenio de Aarhus, asumido por España na Lei 27/2006 sobre os dereitos de acceso á información, participación pública e xustiza en materia de medio ambiente. A participación consagrouse tanto na Política Común de Pesca como na Directiva sobre a Estratexia Mariña, ou a recente Lei de Pesca Sostíbel e Investigación Pesqueira.

As asociacións recordan que xa existen ademais noutras comunidades autónomas, antecedentes da creación de redes similares a REDEMAR, nas que se inclúen as ONG que así o soliciten, como membros en pleno dereito. Tal é o caso de REDEPESCA en Asturias. Así mesmo, hai outros moitos casos onde as organizacións ambientais son parte activa de foros relacionados ca pesca, como o modelo de Gobernanza de Cataluña ou Baleares. A nivel estatal, as organizacións ambientais son membros en pleno dereito da Mesa da Ciencia Pesqueira, con sede en Vigo, constituída polo Goberno español en decembro de 20223.

Así pois, solicitamos formar parte de REDEMAR na maior brevidade posíbel, para poder colaborar na súa misión, incrementando o diálogo e o coñecemento para unha pesca máis sostíbel dende un punto de vista ambiental e social.



ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal