ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Un estudo coordenado por ADEGA duplica o número...

23-11-2023

Un estudo coordenado por ADEGA duplica o número de especies botánicas coñecidas na Illa de Tambo

Completado o Inventario Botánico da Illa de Tambo 2023 con 237 especies de plantas vasculares

Faro de Tambo. Cromo: Fins Eirexas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ADEGA xunto cunha equipa de botánicos ven de realizar ao longo deste ano 2023 un exhaustivo estudo da riqueza florística da Illa de Tambo na ria de Pontevedra. O traballo foi realizado coa colaboración do Concello de Poio, que facilitou o desprazamento á illa.

O estudo foi comandado por Martiño-Fiz López Lindoso, Biologo ambiental, coa coautoria de Javier Calvo, Enxeñeiro forestal, e Pablo Rodeiro, investigador-colaborador no departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC),

No estudo participaron científicos/as de recoñecido prestixio como Javier Amigo e Maria Inmaculada Romero Buján, profesores da USC, e outros especialistas en musgos e liques, que realizaron diversos achados que incrementan o coñecemento das especies coñecidas para a Illa de Tambo, dende 114 especies a 237 especies (+123 especies, +107%).

Alta biodiversidade vexetal

As conclusións preliminares indican que a Illa de Tambo revélase como unha zona de alta biodiversidade no que atinxe ás plantas vasculares. Os 0,29 Km2 (quilómetros cadrados) da illa representan a cen milésima parte (1/100.000) do territorio galego (29.000 Km2). A pesar do seu pequeño tamaño, na Illa de Tambo medran o 10% de todas as especies de plantas vasculares de Galiza (no País hai 2.391 especies e na illa de Tambo hai 237 especies, o 9,8% do total). Este feito reflicte que Tambo é un lugar especialmente indicado para ser orientado á conservación da natureza, xa que reúne unha alta biodiversidade nun pequeño territorio que é o factor máis importante que se busca nun espazo protexido.

Outras conclusións do estudo indican que nas áreas de maior biodiversidade da illa hai unha menor presenza de eucalipto. É nas zonas libres de Eucalyptus globulus onde atopamos a maioria da biodiversidade mentres que onde esta especie é dominante a biodiversidade vexetal é menor. Tamén se recolle no Inventario a presenza de 22 especies de plantas invasoras e a sua abundancia nas diversas partes da illa (dividiuse en 8 áreas), para facilitar a sua posterior localización. O estudo deitou tamén outros interesantes datos sobre as especies presentes na illa que serán facilitados cando se procese a información e se confirmen os novos resultados.

ADEGA entregou ao Concello de Poio un listado preliminar das especies de plantas que medran na illa e vai solicitar a presentación dos resultados deste estudo na Comisión de Seguemento da Illa de Tambo. Estes datos sobre a biodiversidade botánica avalan a proposta de creación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo. Porén, entran en contradición co documento chamado “Plan de Usos e Conservación da Illa de Tambo”, que é ademais incoherente coa Memoria de ENIL.

Máis información:
Martiño-Fiz López Lindoso, director do estudo: 607345643

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal