ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA na audición da Comisión de Peticións do...

26-05-2023

ADEGA na audición da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para denunciar o estado da Rede Natura 2000

Bruxelas, 24 de maio de 2022. Membros de ADEGA vimos de participar na audición que a Comisión de Peticións celebrou este día 24 para avaliar o estado de cumprimento da Directiva da Hábitats. 

Por parte da Comsión Europea (CE), órgano que supervisa o cumprimento das normas legais europeas, pasouse revista á situación legal da RN2000 e aos procedementos de infracción. A Comisión argumentou que, aínda que o cumprimento dista moito de ser completo, nos últimos anos produciuse a unha mellora significativa na aplicación da Directiva 92/43CEE. Tamén sinalou que unha gran maioría das Peticións que o Parlamento manda á Comisión sobre infraccións coa Rede Natura non achegan probas da violación da Directiva e que moitas delas deberían resolverse no ámeto estatal e non europeo. 

Unha experta xurista da EEB (Oficina Europea do Ambiente, na que se integrou ADEGA) destacou a grave falla de transparencia do proceso de xestión e seguemento das denuncias e infraccións abertas pola CE a raíz das peticións efectuadas por cidadanía e colectivos sociais. Este feito menoscaba a confianza e a credibilidade que o público deposita nas institucións europeas.

Galiza, buraco negro na aplicación da Directiva Hábitats

Dende ADEGA mantemos que o caso estatal e nomeadamente o galego, é un exemplo de mala xestión da RN2000, mesmo insubmisión a respeito da implementación da Directiva de Hábitats. De feito dende a apertura dun procedemento de infracción en 2013, un apercebemento en 2015 e unha nova carta de emprazamento do Comisario á Ministra española en 2020, nestes 20 anos nin o Estado nin a Xunta tomaron as medidas reclamadas por Europa.
Esta última comunicación é demoledora (ver extracto do documento) e debería ser causa de medidas máis drásticas e expeditivas da Comisión cos gobernos estatais e autonómicos.

ADEGA denunciou que en Galiza a situación da RN2000 é aínda pior. Non só a porcentaxe de territorio protexido é ridícula (11,8%) comparada coa media estatal (34% coas áreas mariñas) ou as autonomías veciñas, que duplícana de longo, senón que a ineficacia dos instrumentos de xestión aprobados pola Xunta pon en perigo a viabilidade dos hábitats e especies que a Directiva de Hábitats ordena protexer.
A maiores, estas eivas reiteradamente sinaladas pola CE vense agravadas polo imparábel desenvolvemento de macroproxectos eólicos ou mineiros. Esta circunstancia fai urxente que a CE tome medidas para salvagardar a integridade e viabilidade da RN2000 e as posíbeis áreas de ampliación, obrigando a Estado e Xunta a declarar unha moratoria, baixo ameaza de perder fondos europeos, mentras non acata as determinacións da UE e fai efectiva a ampliación desta rede ecolóxica europea. 

Finalmente chamamos a atención sobre as recentes declaracións, que causaron unha grande sorpresa, do conselleiro de Medio Rural José González culpando á UE e á RN2000 da vaga de lumes deste pasado verán. Con responsábeis públicos como este, a CE debería ter claro que quen ameaza á Rede Natura 2000 e á Biodiversidade son precisamente aqueles encargados de salvagardala, e consecuentemente tomar medidas.

Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA (+34 661993406)

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal