Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA recupera a campaña #Tipodesparalos para...
16-05-2023
Tras a negativa da Xunta e do Estado español a escoitar os milleiros de voces que reclamamos nos últimos dous anos por todas as vías posibles unha transición enerxética xusta e sustentábel e unha planificación eólica por e para o pobo, desde ADEGA non nos queda máis remedio que intentar frear nos tribunais a actual avalancha eólica depredadora e especulativa cos recursos de todos os galegos e galegas. Para poder acadar tal fin, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) recupera a campaña de recadación colectiva e solidaria “Ti podes paralos!”, como única forma posíbel de poder emprender accións xudiciais contra boa parte dos 75 proxectos macroeólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado 25 de abril, e que exercerán potencialmente danos ambientais, culturais e sociais irreversíbeis para o país.
A campaña “Ti podes paralos!” rexorde sete meses despois de ter conquirido un éxito sen precedentes, ao acadar en tan só unha semana o importe necesario para poder afrontar as caucións impostas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e así dar efectividade á paralización cautelar dos proxectos eólicos Bustelo e Campelo. Agora, ADEGA recupera esta campaña coa esperanza de que a solidariedade colectiva volva contribuír a un reto histórico para o país: defender o rural e o medio ambiente galegos da actual depredación eólica nos tribunais, emprendendo accións xurídicas contra a maior parte dos proxectos macroeólicos depredadores autorizados pola Xunta e o Estado español na recente vaga eólica.
Acorde coa súa misión e valores, ADEGA dará prioridade a aquelas accións xurídicas fronte a proxectos eólicos autorizados que teñan un especial impacto negativo sobre o patrimonio natural e cultural de Galiza, mais tamén promoverá campañas de recadación na defensa do territorio que conten cun forte apoio social e que consigan dar viabilidade económica aos procedementos xudiciais en vía contenciosa-administrativa.
ADEGA inicia a nova xeira de “Ti podes paralos!” co lanzamento dunha campaña de recadación solidaria específica para poder recorrer nos tribunais o proxecto eólico Rodicio II, aprobado nos concellos ourensáns de Maceda e Montederramo, e cuxa autorización foi publicada no DOG o pasado día 8 de maio. O proxecto aprobado prevé a instalación de 2 aeroxeradores de 180 metros de altura e de máis de 10 MW de potencia a escasa distancia do espazo natural protexido e zona de Rede Natural ZEC Bidueiral de Montederramo. Os impactos deste complexo eólico sobre a avifauna, especialmente nas poboacións de rapinas ameazadas, poderían ser letais, pois sitúase moi preto dunha área prioritaria para a preservación da avifauna e é área de campeo da aguia real (Aquila chrysaetos) e do millafre real (Milvus milvus), ambas consideradas “en perigo de extinción” nos catálogos galego e español de especies ameazadas. Ademais, o Rodicio é un dos principais “sitios de interese” ou “hotspot” para a observación de aves de Galiza.
O primeiro reto desta campaña ou desafío específico é o de acadar un importe mínimo de 3.650 euros no período de 1 mes, ata o 16 de xuño, para a presentación do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental. De conseguir este reto no prazo establecido, ADEGA iniciará un novo prazo de recadación pola mesma cantidade destinada a conquerir os fodos necesarios para interpoñer recurso contencioso-administrativo no TSXG e solicitar a paralización cautelar do proxecto.
Web de doazóns para o desafío TPP - Rodicio II: https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii
As doazóns recadadas a través da campaña #tipodesparalos irán destinadas a cubrir os custos totais derivados da presentación do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a autorización administrativa previa e de construción dos proxectos eólicos presentes na campaña, así como á solicitude de paralización cautelar.
ADEGA ofrece dúas formas de facer as doazóns: por desafíos, apoiando economicamente o recurso dun ou varios proxectos eólicos concretos; ou a un fondo común da campaña, destinado a apoiar os recursos de parques eólicos que máis o precisen ou que máis contribúan a defender o interese común e o medio ambiente galego.
ADEGA fai de novo un especial chamamento á cidadanía galega a participar e espallar activamente esta campaña, chave para facer fronte á actual avalancha eólica. Todas as doazóns recibidas a través desta campaña desgravarán en Facenda e serán integramente destinadas aos obxectivos de “Ti podes paralos!”. Deste xeito, no caso de que non se acade o obxectivo mínimo de recadación para poder iniciar o procedemento xudicial contra a autorización dun proxecto eólico concreto, as doazóns pasarán a formar parte do fondo común da campaña, ou fondo de reforzo destinado a apoiar aqueles desafíos que estean a piques de conseguirse no prazo límite de vencemento da campaña ou a aqueles recursos contra proxectos eólicos que contribúan en maior grao a defender o interese común e o medio ambiente galego. Entre todas, podemos conseguilo!
Na web da campaña #tipodesparalos iranse actualizando os diversos desafíos de recadación solidaria que emprenderá ADEGA nas vindeiras semanas contra a actual ofensiva eólica: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal