ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo xunto con outros colectivos de Lugo...

18-04-2023

ADEGA-Lugo xunto con outros colectivos de Lugo alegamos contra a Rolda Leste

ADEGA-Lugo xunto con outros colectivos ambientais, culturais, veciñais, e grupos políticos, xuntáronse esta mañá diante da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, para presentar as alegacións ao proxecto da Rolda leste, cuxo prazo remataba hoxe.

Case foron vinte os puntos que sustentaron as alegacións presentadas por ADEGA, argumentos para solicitar o informe negativo deste proxecto que supón a destrución do pulmón verde de Lugo.

En canto ao proxecto, insístese na falta de xustificación e dun estudo de mobilidade que se determine a necesidade de executar unha infraestrutura deste tipo, con tan alto impacto ambiental, cultural e social. Este proxecto é incompatible ademais coa Estratexia de Infraestrutura verde de Galicia. Un proxecto anticuado que vai en contra de todos os compromisos locais, autonómicos, estatais e internacionais de desenvolvemento sustentábel.

En canto ao medio ambiente, consideramos que a DIA de hai case vinte anos non pode considerarse válida, os datos contidos son obsoletos, e contén datos erróneos, non se avalía correctamente o impacto do trazado do viario sobre as especies, incluíndo aquelas ameazadas e a información sobre fauna do Proxecto de trazado actual non se axusta ao trazado actual, sendo o inventario de fauna do proxecto de trazado manifestamente incompleto, supoñendo a eliminación de especies ameazadas e contravindo ademais á lexislación ambiental vixente.

O proxecto non inclúe un estudo hidrolóxico, que determine e avalíe o risco de inundacións, nunha zona sensible como é a desembocadura do río Rato no Río Miño.

No proxecto non se fai mención algunha á que a Rolda Leste suporá a destrución de máis dunha centea de valados e outros elementos construídos a xunta seca, o que supón máis de 5 Km de muros construídos coa técnica catalogada pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Sendo Lugo a única capital de provincia dentro dunha Reserva da Biosfera na Península Ibérica, no proxecto nin se menciona, sendo incompatible co Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Este proxecto non ofrece ningunha garantía social, cunha falta de transparencia no procedemento, sendo este de gran complexidade técnico-xurídica e que non garante a participación pública.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal