ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG exime a ADEGA do pago de caucións para as...

19-12-2022

O TSXG exime a ADEGA do pago de caucións para as paralizacións cautelares de Campelo e Bustelo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de notificar á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) dúas resolucións polas que estima os recursos de reposición interpostos por esta entidade ecoloxista, xunto coa Plataforma pala la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC), contra a imposición do pago de caucións para facer efectivas as paralizacións cautelares dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. Deste xeito, o TSXG exime a ADEGA e á PDCC de ter que depositar caución algunha para facer efectiva a suspensión cautelar de ambos proxectos eólicos, ao tempo que ratifica a paralización cautelar dos mesmos.

Pola contra, o Tribunal galego desestima os recursos presentados por Greenalia e a Xunta contra  as disposicións dos autos xudiciais do 19 de setembro e do 6 de outubro de 2022 relativos, respectivamente, á suspensión cautelar dos parques eólicos Campelo e Bustelo, e nos que ademais se solicitaba un aumento do importe da garantía esixida a ADEGA e á PDCC á que se condicionaban as medidas cautelares. O TSXG  non só desestima tales pretensións, senón que ademais lles exise a Greenalia e a Xunta pagar costas por un máximo de 150 euros cada unha.

ADEGA e a PDCC valoran as recentes resolucións xudiciais do TSXG con grande satisfacción por canto confirman a paralización cautelar de ambos parques eólicos de Greenalia, recorridos nos xulgados en xaneiro deste ano, e sentan un precedente moi favorable para as organizacións sociais e/ou ecoloxistas sen ánimo de lucro que recorran en vía contencioso-administrativa a paralización cautelar de proxectos eólicos autorizados pola Xunta. As actuais disposicións xudiciais descartan a existencia de motivos que obriguen ás entidades recorrentes a ter que constituír caucións ou garantías económicas para facer efectivas as suspensións deste tipo de proxectos industriais.

Paralizacións cautelares firmes e sen obriga de caución

O TSXG insistiu nos seus fundamentos de admisión das solicitudes de paralización cautelar de ambos parques eólicos fronte o recurso das partes codemandadas, Xunta e Greenalia, contra a súa decisión. O tribunal acolleu o argumento aducido pola parte demandante de “aparencia de bo dereito”, relativa a posibles defectos na publicación e na audiencia aos interesados nestes dous proxectos eólicos. ADEGA e a PDCC concretaban estes defectos procesuais na redución irregular dos prazos de alegación e na falta de informes sectoriais na fase de audiencia, eivas ratificadas en recentes sentenzas xudiciais da mesma Sala do TSXG. Segundo o tribunal, tamén foi esta a principal razón pola que vén de retirar a obriga da imposición de caucións ás entidades recorrentes, co fin de facer efectivas as paralizacións cautelares  dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo.

Paralelamente, argúe outros dous motivos para ratificar os autos de suspensión cautelar. Segundo o Tribunal, nin a Xunta nin Greenalia, acreditaron  debidamente a imperiosa necesidade de iniciar a construción dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, instalacións industriais que ademais poderían constituír actuacións presuntamente atentatorias contra o medio ambiente, un ben xurídico “máis digno de protección que o interese particular da promotora en poñer en marcha de forma inmediata a nova instalación eólica”.

Devolución das achegas solidarias “Ti podes paralos!”

Para poder facer fronte ao depósito das caucións interpostas polo TSXG para a paralización cautelar efectiva dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, a entidade ecoloxista ADEGA viuse obrigada o pasado mes de outubro a promover a campaña de achegas solidarias “Ti podes paralos!”. A iniciativa de recadación colectiva obtivo un extraordinario éxito, acadando en tan só 7 días un importe total de 23.692 euros. Grazas á colaboración solidaria das galegas e galegos, ADEGA conquiriu, e mesmo acadou un importe superior ao necesario (20.000 euros) para facer efectiva á paralización cautelar de ambos parques eólicos de Greenalia, ao tempo que tamén se acadaba un fito histórico: paralizar cautelarmente proxectos eólicos antes de terse iniciado as súas obras.

Á vista da recente rectificación do TSXG pola que se retira a obriga de caución para efectivizar as medidas de suspensión cautelar relativas aos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, a asociación ecoloxista ADEGA procederá nos vindeiros días a efectuar as devolucións dos préstamos solidarios recibidos no marco da campaña “Ti podes paralos!”. Así mesmo, ADEGA comprométese a devolver os importes das achegas efectuados en forma de doazón cuxa devolución sexa requirida de forma expresa, antes do 26 de decembro deste ano 2022.

As doazóns recibidas no marco da campaña “Ti podes paralos!”, cuxa devolución non sexa requirida antes do 26 de decembro, pasarán a formar parte do fondo destinado por ADEGA á súa campaña de defensa xurídica do territorio galego fronte a actual invasión eólica. Ademais, estas doazóns desgravarán, nalgúns casos ata o 80%, na declaración da renda de 2022 das persoas doadoras.

Suspensión cautelar do PE Monte Toural

Doutro lado, ADEGA e a PDCC fican pendentes da resolución xudicial do TSXG sobre a solicitude de paralización cautelar do parque eólico Monte Toural, que forma parte xunto co PE Campelo e PE Bustelo do macroproxecto industrial que Greenalia pretende instalar na contorna da Lagoa de Alcaián, e que tamén foi recorrido a cargo do Fondo Xurídico para a Defensa da Cordilleira Cantábrica na Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG. Neste senso, as entidades ecoloxistas agardan que o TSXG responda neste caso do mesmo xeito que nos dous anteriorer, admitindo a solicitude de paralización cautelar, e xa desta volta, sen imposición de caucións.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal