ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA asina un convenio co concello da Coruña...

06-09-2022

ADEGA asina un convenio co concello da Coruña para a realización de Limpezas Ecolóxicas

Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio que ADEGA ten concertado co concello da Coruña para o desenvolvemento de actividades de concienciación e sensibilización ambiental na cidade durante o ano 2022. Por parte de ADEGA asistiu ao acto de sinatura a vicepresidencia da organización, Verónica Torrijos, e por parte do Concello, a súa concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán.

En virtude deste convenio denominado “Preservación dos mares e ríos. Limpezas ecolóxicas”, ADEGA realizará ao longo deste último cuadrimestre de ano varias actuacións de limpeza ecolóxica en ríos e praias da Coruña, coa colaboración altruísta de voluntariado ambiental.

A primeira destas accións terá lugar xa o vindeiro sábado, 17 de setembro, con motivo do Día Mundial da limpeza de Praias, proclamado pola organización The Ocean Conservancy, cuxa orixe tivo lugar na campaña internacional de limpeza de costas “International Coastal CleanUp”, que se celebra en 150  países de todo o mundo. Esta primeira limpeza celebrarase na praia de “Bens”, onde se fará tamén unha caracterización do  lixo atopado.

Alén das limpezas, o programa de actividades completarase coa organización dunha xornada divulgativa sobre limpezas ecolóxicas nos ecosistemas fluviais e litorais no mes de novembro, coincidindo coa Semana Europea de Prevención de Residuos. Neste encontro destinado a todo tipo de públicos, participarán especialistas na materia e colectivos con experiencia na retirada ecolóxica de residuos da contorna natural, sempre baixo a máxima de que “o mellor residuo é aquel que non se xera”.

Este é o segundo ano que ADEGA recibe esta axuda nominativa de 10.000 euros por parte do concello herculino.

Apúntate ás limpezas ecolóxicas de ADEGA na Coruña!

Desde ADEGA animamos a todo tipo de colectivos (ANPAS, Centros de ensino, Scouts,...) e persoas a participar nas limpezas ecolóxicas do concello da Coruña. Tanto colectivos como particulares poderán impulsar a creación do seu propio grupo de voluntariado e realizar unha ou varias das limpezas.

Todas as actuacións estarán supervisadas por ADEGA e contarán co acompañamento da equipa de educación ambiental da asociación ecoloxista. Para anotarse ás actividades previstas no marco deste programa de limpezas, haberá que enviar un correo electrónico a: itziar@adega.gal, ou chamar ao número 699.217.310; indicando a data e horario no que o teu grupo estaría interesado/a en participar.

No caso de que non teñas grupo, envíanos igualmente os teus datos para incorporarte a algunha das actuacións previstas.

Traballemos xuntos por uns Ríos e Praias Limpas!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal