ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Día Mundial da Biodiversidade: o ecoloxismo...

19-05-2022

Día Mundial da Biodiversidade: o ecoloxismo galego propón áreas de exclusión ambiental para evitar o impacto das renovábeis

A proposta da ONU, o 22 de maio celébrase o Día Mundial da Diversidade Biolóxica. Con tal motivo, as entidades ADEGA, SGO, SGHN, Morcegos de Galicia, a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Hábitat, Verdegaia e a FEG vimos de achegar á Xunta e ao Ministerio as nosas propostas para diminuir o impacto das instalacións de enerxía renovábel sobre a biodiversidade.

Preocupadas polo potencial efecto negativo sobre a biodiversidade e a paisaxe do actual modelo de transición enerxética, as nosas entidades presentamos unha proposta de áreas de exclusión para a instalación de enerxías renovables e as súas infraestruturas asociadas en Galicia, que consideramos esencial e irrenunciable para o desenvolvemento minimamente sustentábel dun novo modelo enerxético.

Sobran razóns para actuar con urxencia e facer sustentábel a transición enerxética

Malia que as enerxías renovables contribúen a acadar os obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a súa construción e implantación no territorio provocan unha serie de impactos negativos sobre a biodiversidade. Ditos impactos teñen sido analizados por diversos estudos científicos realizados principalmente en EEUU e en varios países de Europa, pero escasean os estudos realizados na Península Ibérica e especialmente aqueles que analicen os efectos sinérxicos e a longo prazo derivados da implantación deste tipo de infraestruturas.

No caso da enerxía eólica téñense demostrado unha serie de efectos negativos coma a mortalidade directa de aves e morcegos, deforestación e erosión do solo, ruído, impacto visual e incluso cambios nos patróns climáticos locais, así como afeccións á fauna e flora mariña no caso dos parques eólicos implantados no mar, entre outros.Nas explotacións de produción de enerxía solar os impactos prodúcense pola ocupación do solo (co conseguinte cambio de uso) e a destrución e fragmentación de hábitats, aínda que tamén existen traballos que alertan da mortalidade directa de aves e insectos por shock térmico ao voar preto destas instalacións.

En Galicia, o Plano Sectorial Eólico aprobado en 1997 e reformado en 2002, queda claramente obsoleto ao non contemplar as evidencias científicas dos últimos 20 anos. Ademais non considera a Rede Natura 2000, carece de zonas de exclusión e non foi sometido a unha avaliación ambiental estratéxica. Cabe resaltar que Galicia conta con escasamente o 12% do seu territorio incluído na Rede Natura 2000 (aproximadamente a metade da media estatal e dez puntos menos que a media europea) e que unha parte importante destes espazos xa contan con parques eólicos na súa superficie. Por outra banda, tan só 4 das 195 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan con plans de conservación e por tanto a información da que se dispón para a súa xestión é escasa e nesgada.

Co recente impulso que están a vivir as enerxías renovables, faise imprescindible avaliar con minuciosidade os potenciais impactos que provocan sobre a fauna, a flora e a paisaxe. É preciso, por tanto, aplicar o principio de precaución e establecer unha moratoria á implantación de novos proxectos ata que se actualice a planificación sectorial vixente e sexa sometida ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. 

Por todo isto, para a boa planificación da ubicación de instalacións de xeración de enerxías renovables en Galicia, resulta imprescindible a elaboración dun mapa de zonas de exclusión que recolla criterios que permitan salvagardar a diversidade natural e manter os servizos ecosistémicos

Proposta de áreas de exclusión para a instalación de renovábeis

Con todos estes postulados científicos e técnicos, entendemos que as áreas de exclusión para a instalación de enerxías renovables e as súas infraestruturas asociadas deben abarcar polo menos os seguintes espazos ou áreas:

a. Espazos declarados Rede Natura 2000 (RN2000) e a súa área de influencia tampón nun mínimo de 10 km, agás que se determine outra en base ás especies ou hábitats que motivaron a súa declaración como espazo protexido ou estea fixada outra nos seus instrumentos de xestión. Así mesmo, os parques actualmente instalados en RN2000 deberían ser retirados unha vez cumprida a súa vida útil, restaurándose a zona atendendo aos valores ambientais que motivaron a súa inclusión en RN2000.

b. Espazos incluídos na proposta de ampliación RN2000 do ano 2008 elaborada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) presentada no Consello Galego de Medio Ambiente e a súa área de influencia tampón dun mínimo de 10 km.

c. Áreas de Importancia para a Conservación das Aves (IBA).

d. Ámbitos de aplicación dos plans de conservación e xestión de especies ameazadas catalogadas tanto a nivel estatal como autonómico. Deberanse incluír os aprobados e tamén os redactados que levan anos esperando a ser aprobados.

e. Zonas de Importancia para os Mamíferos (ZIM).

f. Outros espazos incluídos na Rede Galega de Espazos Protexidos.

g. Espazos Naturais de Interese Local e Espazos Privados de Interese Natural declarados ao abeiro da Lei de Patrimonio Natural de Galicia.

h. Zonas Núcleo e zonas Tampón das Reservas da Biosfera.i. Paisaxes sobresaíntes incluídas nalgunha figura autonómica ou estatal e en concordancia co Convenio Europeo da Paisaxe ratificada polo Estado Español (BOE núm.31, do 5 de febreiro de 2008) e/ou incluída na Lei 7/2008 do 7 de xullo de protección da paisaxe de Galicia. Así mesmo, calquera espazo incluído ou proposto nas distintas figuras de ordenación territorial (Directrices de Ordenación do Territorio, Plan de Ordenación do Litoral e Infraestrutura Verde) cun grado de protección.

l. Zonas RN2000 no ámbito mariño, áreas de importancia para as aves mariñas (IBAS mariñas e corredor migratorio cántabro-atlántico), zonas propostas como ZEPAs no marco do programa proxecto Intemares, zonas con presenza regular contrastada de aves mariñas ameazadas, así como áreas de importancia para os mamíferos mariños e áreas de interese para os recursos pesqueiros. E, sen excepción, todas aquelas áreas mariñas da plataforma continental e de máis aló do talude continental con carencia dun coñecemento científico suficiente do uso que as aves mariñas (e o resto de aves migradoras, diúrnas e nocturnas; así como o resto da biodiversidade mariña) fan delas ao longo do ano, en termos de alimentación, migración, invernada, muda e outros, por un obrigado e inescusable principio de precaución.  

Asinan:

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
Morcegos de Galicia
Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica
Grupo Naturalista Hábitat
Verdegaia
FEG (Federación Ecoloxista Galega)

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal