ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O TSXG admite a trámite os tres recursos...

15-02-2022

O TSXG admite a trámite os tres recursos contenciosos de ADEGA contra os parques de Greenalia

Beatriz Mato. Fonte: LVG

A asociación ecoloxista ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica veñen de  recibir notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola que se dá conta da admisión a trámite dos recursos contencioso-administrativos interpostos por ambas entidades a finais do pasado mes contra a autorización de tres parques eólicos promovidos por Greenalia nos concellos de  Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Trátase dos proxectos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural, declarados todos eles “de interese especial” polo Consello da Xunta en maio de 2018, cando aínda exercía de conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, quen agora forma parte do Consello de Administración da empresa Greenalia.

As entidades recorrentes agardan poder anular as autorizacións outorgadas pola Xunta relativas aos tres proxectos e demostrar no TSXG que todos eles forman parte dun único macroproxecto industrial sometido a unha manobra de  fragmentación fraudulenta (ou despezado en varios proxectos) para esquivar a adecuada avaliación ambiental dos efectos sinérxicos das tres instalacións sobre un mesmo territorio, ademais de conquerir a súa tramitación a través da Xunta de Galicia e non do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Ademais, a declaración destes tres parques como proxectos de “interese especial” outorgoulle á empresa da ex-conselleira Beatriz Mato prioridade na tramitación fronte a outros proxectos, malia que todos eles constitúen un importante impacto sobre o medio natural. Lembramos, que os tres proxectos industriais afectan a unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada á Rede Natura 2000 e poñen en risco un endemismo único no mundo, a Centaurea ultreiae, unha planta catalogada “en perigo crítico de extinción” e cuxa poboación mundial se atopa nos 10 quilómetros cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres parques eólicos.

Agora, o TSXG dá un prazo improrrogable de vinte días para que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza remita a este órgano xudicial os expedientes administrativos relativos aos tres parques eólicos de Greenalia recorridos e empraza ás partes demandadas a persoarse no procedemento no prazo de nove días.

Os tres recursos xudiciais serán abordados pola Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG. Os custos derivados da interposición dos tres recursos contencioso-administrativos irán a cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal