ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA celebra o Día da Educación Ambiental...

25-01-2022

ADEGA celebra o Día da Educación Ambiental facendo educación ambiental

Compostaxe comunitara e charcas serán as temáticas a traballar por ADEGA

ADEGA considera a Educación Ambiental como unha liña estratéxica de actuación, xa que constitúe unha ferramenta que permite afrontar e superar as problemáticas ambientais existentes no sistema socioeconómico actual. Entendemos a Educación Ambiental como un recurso educativo e social que permite a mellora ambiental a través da participación, da sensibilización e da denuncia das problemáticas ambientais, construíndo así unha sociedade máis igualitaria, xusta, participativa e ecolóxica.

Actividades para o día mércores 26

Este mércores 26 e no marco dos diferentes programas que ADEGA está a desenvolver realízanse as seguintes actividades:
-Compostaxe comunitaria, na parroquia de San Cosme, no concello de Barreiros levarase adiante un curso de formación para o persoal do
municipio encargado de mantemento das áreas de compostaxe comunitaria.
-Charcas con Vida, o IES de Ames, en colaboración co concello vai realizar unha ampliación da charca didáctica que contará co asesoramento do persoal técnico de ADEGA e Charcas con vida.

ADEGA, máis de 45 anos de Educación Ambiental

ADEGA desenvolve numerosas iniciativas de Educación Ambiental destinadas a fomentar o coñecemento do medio e proporcionar ferramentas para a valorización e conservación deste.
Entre as diferentes iniciativas de EA destacan algunhas que xa son todo un referente, como é o caso do Proxecto Ríos, programa que conta con 15 anos de experiencia na custodia dos ríos galegos a través das inspeccións realizadas polos seus grupos de voluntariado que existen na actualidade, ou ben o programa de Compostaxe Domestica e Comunitaria, realizado con éxito en máis de 5000 vivendas nun total de 50  concellos de toda Galiza. Tamén son salientables iniciativas como Charcas con Vida, que nace co fin de difundir os valores das charcas e de
contribuír ao seu estudo e conservación, así como os numerosos proxectos de custodia do territorio como son a Eira da Xoana, o Sobreiral de Arnego ou monte da Fraga na UDC.
Ademais ADEGA conta con medios de comunicación como radio Cerna ou a revista Cerna, que teñen como obxectivo informar sobre as problemáticas ambientais que afectan ao territorio, así como poñer en valor e difundir a ecoloxía e a investigación do medio ambiente galego.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal