ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Este xoves ADEGA celebra unha xornada de...

30-11-2021

Este xoves ADEGA celebra unha xornada de formación sobre o coidado dos ríos na cidade da Coruña

Coincidindo coa Semana do Voluntariado, ADEGA organiza o próximo xoves, 2 de decembro, na cidade da Coruña as xornadas “Preservación e coidado dos nosos ríos e regatos. Limpezas Ecolóxicas” abertas ao público xeral.

O encontro ten como obxectivo divulgar a importancia dos nosos ríos e regatos, ao mesmo tempo que amosar como se poden preservar e coidar dunha maneira eficiente e respectuosa e utilizando diversas metodoloxías.

Dende ADEGA contamos cunha ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos e actividades destinadas á custodia fluvial, pois pensamos que a educación da cidadanía é unha ferramenta fundamental para a preservación do noso medio ambiente.

Nesta xornadas, contaremos coa colaboración da Universidade da Coruña para abordar  a importancia dos bosques de ribeira e os beneficios ecosistémicos que achegan á sociedade, así como para afondar nos problemas de contaminación máis importantes do efluentes fluviais galegos.

Falaremos tamén da depuración ecolóxica das augas residuais a través de ecosistemas húmidos e cal é o papel do voluntariado actualmente en Galiza no coidado dos nosos ríos e regatos. 

Esta xornada divulgativa e de formación terá lugar no local da Asociación Cultural de Alexandre Bóveda, desde ás 17 horas ás 20 horas da tarde.

A iniciativa forma parte dun convenio de colaboración asinado co concello de A Coruña que se complementará con varias xornadas de limpezas de lixo dos ríos coruñeses coa axuda de voluntariado.

Programa

17.00h- Recepción de participantes e presentación da xornada.

17.20h- Mesa redonda:

  • Mª José Servia, UDC. "Bosques de ribeira e servizos ecosistémicos: tamén en Coruña?"
  • Manolo SotO, UDC. "Contaminación nos ríos"
  • Verónica Torrijos, OMA. "Depuración ecolóxica de augas residuais. Do río ao mar."
  • Paco Bañobre, Proxecto Ríos, ADEGA. "O papel do voluntariado nas Limpezas de Río"
19.00h- Debate

20.00h- Peche da xornada.

Para máis información podedes mandar un correo a itziar@adega.gal  ou chamand ao  628.378.804

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal