ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O aproveitamento hidroeléctrico das balsas...

20-09-2021

O aproveitamento hidroeléctrico das balsas mineiras das Pontes e Meirama pon en perigo os ecosistemas fluviais

A Xunta tramita dous aproveitamentos hidrieléctricos nos "lagos" das Pontes e Meirama. Turbinar o caudal de dúas macrobalsas mineiras ameza a vida dos ríos e a calidade do subministro, e só pretende seguir a engordar os beneficios das eléctricas...

A Xunta interpreta a lei sempre en beneficio das eléctricas

O vixente Plano hidrolóxico Galiza-costa estableceu (art. 44) o ponto final para os novos aproveitamentos hidroeléctricos que supuxeran implantar novos obstáculos transversais nos leitos ou que comprometeran a continuidade lonxitudinal fluvial. Os proxectos de centrais que tramita Augas para os mal chamados "lagos" de Meirama e As Pontes (en realidade balsas mineiras) semella que non precisarán da construción de novas barraxes.

Porén, si será preciso construir as tubaxes de presión e as propias centrais augas abaixo a carón dos ríos, alterando as marxes e modificando os reximes hídricos naturais das bacías ao ritmo que marquen as promotoras. Asemade, a orde de preferenza do usos da auga establecidos no art. 4 do vixente Plano hidrolóxico establece que o abastecemento da poboación, os usos ambientais e os agrícolas están por riba dos usos industriais para producir enerxía eléctrica.

O risco de turbinar as augas de dúas balsas mineiras

A calidade das augas de balsas mineira como as de Meirama e As Pontes non son asimilábeis ás dun lago natural, nen sequera ás dun encoro. Presentan en determinadas zonas unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico, no caso das Pontes e níquel no de Meirama) debido á natureza das rochas das entulleiras ademais dunha baixa concentración de osíxeno.

Alén disto, tanto no caso da balsa de Meirama como na das Pontes, augas abaixo sitúanse dous espazos naturais protexidos, a ZEC Encoro de Cecebre e o Parque Natural das Fragas do Eume. Non se pode pretender que as oscilacións dos caudais polo réxime de turbinado non alteren a dinámica natural dos ríos e dos espazos protexidos nos que desaugan, alén dos contaminantes que poidan mobilizarse dende as balsas, como recén vimos de ver no Eume.

Do río Eume e do encoro de Cecebre abastécense tamén unha importante poboación, incluíndo toda a área metropolitana da Coruña.

Antepoñer os intereses das eléctricas poñendo en risco a salubridade do subministro é algo ao que, como de cotío vemos no Eume, a Xunta xa nos ten acostumados/as.

Xogo de trileiros cos recursos públicos

Con estes proxectos, tanto para As Pontes como para Meirama, dase un curioso fenómeno: logo de explotar as concesións públicas de recursos mineiros durante décadas, desfacendo o territorio e contaminando a cano libre coas súas térmicas, esgótase o carbón e pechan as minas. As concesionarias realizan unha restauración "low cost" enchendo de auga os ocos mineiros mediante, de novo, un uso privativo dun recurso público: as augas dos ríos que quedaron nas bacías estragadas. Véndennos esas "restauracións" como modélicas ao convertir dúas balsas mineiras en lagos co beneplácito da Xunta. E finalmente ao reverter ao dominio público os territorios "recuperados", aparecen novos proxectos nas mesmas áreas xa asoballadas.

É ou non é Galiza un paraíso para "emprendedores"?

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal