ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Proxecto Ríos organiza dúas Noites de Morcegos en...

03-08-2021

Proxecto Ríos organiza dúas Noites de Morcegos en agosto

As xornadas sobre os quirópteros e o bosque de ribeira realizaranse os días 5 e 11 de agosto en Allariz e Monforte de Lemos


Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos coordinado pola asociación ecoloxista ADEGA, vai realizar neste mes de agosto dous cursos de formación sobre quirópteros e o bosque de ribeira, que se impartirán en dúas “Noites de morcegos”. Estas teñen por finalidade difundir e sensibilizar a sociedade sobre a importancia ecolóxica dos morcegos e realízanse en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats (www.eurobats.org) que cumpre 30 anos en 2021.


Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. Estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira.

Quiroríos e ciencia cidadá

A primeira das sesións terá lugar este 5 de agosto en Allariz, e a segunda desenvolverase o 11 de agosto en Monforte de Lemos, en horario de tarde-noite. En ambas as dúas xornadas realizarase unha formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá “Quiroríos” que en Galiza coordinan o grupo GEAS e ADEGA. Quiroríos é un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar, pois non hai que ser experto/a para facelo.

Actualmente só fican prazas vacantes para a sesión formativa en Monforte de Lemos, estando as de Allariz xa cubertas, pois son prazas limitadas. Nas actividades aplicaranse as normas Covid vixentes, sendo obrigatorio o uso de máscara.


Dende o Proxecto Ríos de ADEGA ofrecemos ao voluntariado ambiental a oportunidade de participar na mostraxe dos quirópteros da man de persoal experimentado. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contaremos coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, especialista na xestión de fauna salvaxe.

A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Para máis información: Ramsés Pérez 616 238 050

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal