23 de abril de 2008. ADEGA esixe da Xunta unha intervención urxente para obrigar a LIMEISA-FENOSA a cumprir cos seus deberes ambientais. Non se pode tolerar que ante as múltiples evidencias de que LIMEISA está a poñer en risco a saúde humana e ambiental (ver o Informe CARBON LIMEISA (1.23 MB), a Xunta de Galiza siga sendo condescendiente coa actitude prepotente e insolidaria da empresa. A administración non pode ter unha postura intermedia entre a cidadanía e a empresa: quen contamina, quen incumpre a lei, é a LIMEISA, e portanto é a que debe tomar as medidas precisas para evitar que os veciños respiren carbón e folerpas ácidas noite e día, así como compensar axeitadamente a quenes teñen que aturalo.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
20 de marzo de 2009. As denuncias feitas por ADEGA, Amigos da Terra e Matar por matar, NON! polo estado da canceira do Carballiño, veñen de ser verificadas agora polo SEPRONA que interpuxo catro denuncias perante Consellería de Medio Ambiente. O pasado 3 de marzo, membros dos tres grupos ecoloxistas personámonos no cuartel do Carballiño para denunciar as graves irregularidades e outras circunstancias alarmantes como o drástico descenso de cans e a presenza dunha foxa cun gran número de cadáveres provintes da propia canceira (70 segundo os informes do SERPONA).
29 de xuño de 2009. NORFOR, a filial forestal de ENCE, está a aplicar cantiades masivas de herbicidas nas súas plantacións de eucalipto para eliminar o mato. A comunidade de montes de Rebordechán (Crecente, Pontevedra) vén de denunciar o uso de herbicidas nun monte de 25 Ha. Como consecuencia, o mato fica seco aumentando o risco de lumes. A isto hai que engadir o perigo de erosión (desníveis duns 600 m) e a contaminación dos acuíferos e mananciais. Precisamente a principios deste ano, NORFOR perdía o selo FSC (certificación forestal sustentábel) polas malas prácticas forestais, quer a aplicación de glifosato en parcelas certificadas. ADEGA pide ás comunidades de montes que denuncien os seus acordos oa papeleira se persisten no uso de herbicidas.
A Coruña, 19 de maio de 2009. ADEGA, xunto cunha manchea de veciños/as, asociacións e concellos (Culleredo, Cerceda, Cambre e Oleiros) ven de apresentar ALEGACIÓNS (26 KB) á prevista ampliación en 400 m da pista do aeroporto de Alvedro. Esta obra, de brutal impacto paisaxístico e territorial, viría a duplicar o trafego de aeronaves, ruído e polución, sobre a poboada área metropolitana da Coruña. Alén disto e ao longo de 2 anos de obras, sería preciso remexer máis de 4 millóns e medio de m3de terra e rochas para criar un xigantesco talude de máis de 40 m de alto fendendo o val do Mero. Os arrastres desta faraónica obra rematarán no fondo da ría do Burgo, supoñendo a puntilla definitiva para este castigado entorno e exterminando a produción marisqueira. Co AVE ás portas, a quen beneficia esta delirante obra?
Vigo, 30 de setembro de 2009. ADEGA vén de solicitar á Dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas, á D. X. de Conservación da Natureza (Xunta) e á D. X. de Costas (Ministerio de M. A.) a paralización urxente das obras dunha pasarela en Cíes. A obra, promovida pola Dirección Xeral de Costas, está pensada para “millorar a accesibilidade” do parque en substitución do muro de cemento na fronte dunar que partía do peirao de Rodas. A obra da nova pasarela suscitou dende un principio importantes discrepancias entre os expertos debido aos posíbeis impactos sobre os hábitats e as especies protexidas. No entanto, e desouvindo o Principio de Precaución, cuxa aplicación debería ser preceitiva tratándose dun espazo coa máxima categoría de protección, a maquinaria pesada está xa na praia “tallando” a nova pista sobra as dunas fósiles de Muxieiro: un auténtico atentado ecolóxico.
Compostela, 25 de xuño de 2009. O ambiente da Costa da Morte está de saldo: piscifatorías, parques eólicos en primeira liña de costa, Parador na Rede Natura e agora, a liña de alta tensión (LAT) Muxía-Vimianzo. ADEGA ven de presentar novas alegacións á liña de alta tensión Muxía-Vimianzo, outro proxecto de alto impacto para unha zona xa amenazada polas piscifatorías de Merexo e Touriñán, o Parador previsto para a Rede Natura e os parques eólicos Muxía I e II. E por se alguén protesta, non hai que preocuparse: a declaración de utilidade pública, que a administración concede como churros,aplanará o camiño permitindo expropiar as terras dos que non queiran venderllas ás empresas privadas. E todo en aras do "interese público", mais... de quen? Baixa as Alegacións LAT MUXÍA-VIMIANZO (93 KB)
A Cañiza, 14 de novembro de 2008. ADEGA fixo esta mañán entrega no concello da Cañiza dunha petición asinada por mais de 3500 cidadáns residentes na comarca do Condado e da Paradanta. Nela os asinantes pídenlle ao alcalde da Cañiza, o popular César Mera, que poña fin os vertidos ilegais que dende hai anos están a contaminar gravemente os ríos Deva e Ribadil.
A Coruña, 18 de setembro de 2008. Logo da celebrada o pasado mes de xuño polas rúas da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo (na que participa ADEGA da Coruña) convoca nova manifestación para este vindeiro sábado 20 de setembro ás 7:30 do serán. Desta volta, trasládase o cenario da marcha ao propio entorno da ría: transcorrerá entre a Casa das Palmeiras, no Temple (a carón do cruce do Paraugas), e a Praza de Europa do Burgo, do outro lado da ponte sobre a ría. Acode en defensa da túa ría!
Domingo, 22 de novembro de 2009. O segundo roteiro do ciclo 2009-2010 organizado por ADEGA Lugo por camiños históricos transcorrerá polo do Alto Ulla, através do camiño real. Comezaremos polo Castelo de Pambre, BIC (ben de interese cultural) do século XIV e capela do S. XII, aínda de propiedade privada, que pretendemos recuperar para o uso público coas “Marchas Irmandinhas”. Precisamente ás 10h e como inicio do roteiro, haberá un acto reivindicativo no Castelo para esixir das administracións a súa recuperación.