Revista CERNA

Artigos de Conservación e biodiversidade. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Efectos das plantacións de eucalipto sobre as plantas e aves de Galicia

Sandra Goded, Johan Ekroos, Jesús Domínguez, Joaquín G. Azcárate , José A. Guitián, Henrik G. Smith

CERNA Nº 82 - Emerxencia cinexética

Páx. 20-22

Na actualidade, en Galicia hai unha maior superficie de plantacións de eucalipto que de bosques autóctonos. Por iso, como parte dunha tese doutoral, comparouse a riqueza, abundancia e composición de especies de plantas e aves en 14 pares de parches de bosque autóctono e eucaliptais. Observouse unha riqueza de especies de ambos os dous grupos menor nos eucaliptais. Así mesmo, a abundancia de avesen eucaliptais viuse enormemente reducida. As especies tipicamente forestais, tanto de aves como de plantas, son as máis afectadas. Mentres ditas plantacións sigan aumentando e os bosques autóctonos non se conserven, a biodiversidade galega continuará a perderse.

A necesidade dunha xestión planificada do xabaril fronte á emerxencia cinexética

Martiño Nercellas

CERNA Nº 82 - Emerxencia cinexética

Páx. 23-26

O xabaril é motivo de intenso debate polos danos a cultivos, accidentes de tráfico e a preocupación pola peste porcina. Hai tanta polémica como desinformación, pero, sobre todo, sorprende a falta dunha previsión de planificación que aborde o estado da súa poboacióne de como xestionala. Neste contexto, a Xunta recorre por primeira vez á declaración de “emerxencia cinexética”, dando alento aos que cualifican de “praga” a especie, deixando en mans de cazadores e gandeiros o problema, e desentendéndose da responsabilidade que lle corresponde como organismo público e xestor.

A diversidade e aves decrece coa abandono da agricultura en Galiza

Mar Sobral, Luis Salaverri, José Guitián e Ignacio Munilla

CERNA Nº 81 - Emerxencia climática

Páx. 12-13

O abandono da terra no medio rural é un dos principais factores de cambio na composición e na riqueza da biodiversidade europea. Neste traballo exploramos se o abandono da agricultura tradicional en Galicia inflúe na diversidade de aves. Realizamos censos de aves en 39 aldeas da provincia de Lugo nas que se dan diferentes graos de abandono da terra. Os nosos resultados indican que tanto o número de especies de aves, como a abundancia total de aves, diminuíron ao aumentar a proporción de terras abandonadas. En consecuencia, deben favorecerse medidas de conservación capaces de contrarrestar os efectos do abandono da terra, unha agricultura de subsistencia e axudar a manter a diversidade de aves ligada aos agroecosistemas.

Efectos da agricultura ecolóxica sobre as aves en Galiza

Sandra Goded, Johan Ekroos, Jesús Domínguez, José A. Guitián, Henrik G. Smith

CERNA Nº 81 - Emerxencia climática

Páx. 14-16

Malia ao incremento da agricultura ecolóxica en Galicia, ata o momento non había estudos sobre os beneficios deste tipo de agricultura sobre a biodiversidade. Por iso, como parte dunha tese doutoral, analizáronse os efectos da agricultura ecolóxica sobre as aves no centro de Galicia. Os resultados amosaron que durante o inverno, cando a comida é escasa, máis especies de aves se alimentan nas granxas ecolóxicas que nas convencionais. Ademais, as granxas ecolóxicas conteñen unha maior abundancia de aves cando hai unha maior proporción de bosque autóctono e menor de eucaliptos ao seu redor.

As abellas, máis que mel

Xesús Asorey

CERNA Nº 81 - Emerxencia climática

Páx. 17-18

As abellas foron declaradas a especie máis valiosa do planeta segundo a opinión dos expertos científicos reunidos en Londres pola Royal Geographical Society, no ano 2008. Dous científicos presentaron o debate: o Dr. David Thomas argumentou a favor do plancton, mentres que o Dr. George McGavin postulou a favor das abellas. Cada científico presentou probas e evidencias da importancia destes dous organismos para o resto dos seres vivos do mundo. E gañaron as abellas, xa que un cuarto de millón de especies de plantas con flores dependen destes insectos, cruciais para a produción agrícola, para a produción froiteira e para outros moitos cultivos que comemos a diario.

Peixes migradores, servizos ecosistémicos e cambio climático: O proxecto DiadES

David José Nachón, Rufino Vieira-Lanero, Sandra Barca e Fernando Cobo

CERNA Nº 81 - Emerxencia climática

Páx. 20-23

As poboacións de peixes migradores atópanse en franco declive a nivel global. As causas subxacentes desta diminución son a perda do hábitat, a sobrepesca, a contaminación e o cambio climático. Este acusado descenso, xunto cos intereses económico, científico e patrimonial que xeran estas especies, motivou o deseño dun proxecto multidisciplinario desenvolvido ao longo do suroeste europeo, o proxecto DiadES. DiadES avaliará e contribuirá á mellora dos servizos ecosistémicos achegados polos peixes migradores, tendo en conta os impactos do cambio climático na súa distribución e creará unha plataforma transnacional de medidas de xestión innovadoras.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal