Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

13/06/2024   [10:00:00]   [7.13 MB]

Boletín informativo ambiental 14/06/24

Chamado a rodear a Xunta contra a macrocelulosa de Altri o próximo domingo, 30 de xuño. A Xunta aproba a utilidade pública do proxecto eólico Neboada, que ADEGA recorreu e solicitou a súa paralización cautelar no TSXG. Ademais, o tribunal galego anula o permiso da Xunta á única mina de coltán de Europa, en Viana do Bolo. A Fundación Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo de Ermo procuran fondos para recuperar e protexer un espazo privilexiado na Mariña.

06/06/2024   [10:00:00]   [7.12 MB]

Boletín informativo ambiental 07/06/24

O Día Mundial do Medio Ambiente en Galiza estivo atravesado pola loita social contra Altri e a vaga eólica, e pola petición de ampliación e mellora urxente da xestión da Rede Natura. ADEGA lanza unha nova campaña de recadación solidaria para frear un polígono eólico na Terra Chá que ameaza o millafre real, unha ave en perigo de extinción. Ademais, un estudo a nivel europeo deita luz sobre a explotación laboral que sofren milleiros de persoas migrantes no sector da agricultura, tamén no Estado español e Galiza. 

30/05/2024   [10:00:00]   [7.14 MB]

Boletín informativo ambiental 31/05/24

Palas de Rei acolle unha mobilización histórica contra a macrocelulosa proxectada por Altri e Greenalia no corazón de Galiza. A campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos precisa axuda para reunir os fondos necesarios para levar o polígono eólico Monte Contado ante a Xustiza. A empresa Erimsa proxecta unha mina a ceo aberto dunhas 1.000 hectáreas na comarca de Ordes. A Xunta de Galiza dálle a razón a ADEGA e recoñece que a tramitación da Rolda Leste era irregular. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

23/05/2024   [10:00:00]   [7.14 MB]

Boletín informativo ambiental 24/05/24

A factoría de Altri contaminará a atmosfera máis que todas as celulosas do Estado. A análise da documentación do “Proxecto GAMA” non deixa de achegar datos preocupantes. E mentres, empresas e produtoras agroalimentarias da propia Ulloa, do Deza, Melide e Arzúa mostran tamén o seu rexeitamento ao proxecto de macrocelulosa cun manifesto. Ademais, con motivo do Día Europeo da Rede Natura 2000, unha trintena de organizacións ecoloxistas piden triplicar en seis anos a superficie actual da Rede Natura en Galiza. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

16/05/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 17/05/2024

A megafactoría de Altri constituiría un problema de saúde pública, segundo alertan médicas. Xa son 40 os proxectos eólicos paralizados cautelarmente pola Xustiza no que vai de ano; un dos últimos, o Acibal, no que a empresa promotora, Norvento, segue traballando tras a resolución xudicial, segundo a plataforma Amil Sen Eólicos. O sector marisqueiro atravesa un dos seus peores momentos; e ADEGA celebra a súa Asemblea Xeral en Melide. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

03/05/2024   [26:00:00]   [12.23 MB]

AUDIO ROLDA DE PRENSA | Greenfiber impediría o cumprimento da Directiva Marco de Auga e suporía o colapso da Ría de Arousa

03.05.2024 |  A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Greenfiber (Altri e Greenalia) por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa. A vogal de augas de ADEGA, Ana Fernández Santamarina, advertiu en rolda de prensa que o levantamento dunha planta de celulosas na parte alta da bacía do Ulla terá consecuencias negativas para toda a bacía, a cal se verá afectada de maneira significativa, tanto pola detracción de caudais como pola contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos. A fábrica de Altri comprometerá así, non só a viabilidade ecolóxica do río Ulla, senón tamén a de outros usos aos que se destina a súa auga, e impactará directamente a medio e longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza, a Ría de Arousa.

Escoita toda a rolda de prensa! 

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal