Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

24/04/2025   [10:00:00]   [7.09 MB]

Boletín informativo ambiental 25/04/25

O Goberno español deixa finalmente fóra do Perte de descarbonización a multinacional portuguesa Altri, que se enfronta a unha das maiores contestacións sociais en defensa do medio ambiente das últimas décadas en Galiza. Para mostra, o éxito das campañas de micromecenado para financiar a loita xudicial contra o proxecto. Organizacións ecoloxistas e sindicais demandan, ademais, unha moratoria indefinida para as novas plantacións de eucalipto. ADEGA-Lugo denuncia que as inundacións provocadas polas pasadas choivas torrenciais son consecuencia directa dun modelo urbanístico que ignora os ríos e impermeabiliza a cidade. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

10/04/2025   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 11/04/25

Xustiza para o Ulla reúne máis de 35.000 euros en pouco máis de 10 días para a defensa xurídica do Ulla fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro. En canto a esta última, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantén a súa reapertura como proxecto industrial estratéxico malia pedir cárcere a Fiscalía para os responsables da antiga explotación. As emisións industriais de gases de efecto invernadoiro caeron un 24% en Galiza durante 2024. A crise dos pellets impulsa a Unión Europea a aprobar novas regras para reducir os vertidos. Isto e máis, en Radio Cerna! 

27/03/2025   [10:00:00]   [7.10 MB]

Boletín informativo ambiental 28/03/25

Masiva protesta contra Altri e a mina de Touro-O Pino na Pobra do Caramiñal, por mar e por terra. Unha mobilización histórica que, de novo, Rueda e o PP galego minimizan. A mina de litio de Doade, en Beariz, a piques de saír a exposición pública tras ser seleccionada por Bruxelas como proxecto estratéxico para Europa. Veciñanza da Baixa Limia demanda á Xunta pola contaminación do encoro das Conchas. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

20/03/2025   [10:00:00]   [7.12 MB]

Boletín informativo ambiental 21/03/25

Altri si. A Xunta de Galiza declara compatible co medio ambiente a macrocelulosa de Altri e Greenalia en Palas de Rei. Faino ás portas da gran mobilización contra este proxecto e a mina de Touro-O Pino na Pobra do Caramiñal. Entidades ecoloxistas presentan a Declaración "Por unha Lei de Montes Veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e das maiorías sociais". E ademais, O Tribunal Supremo vén de inadmitir os recursos presentados pola Xunta de Galiza e as empresas promotoras contra a paralización cautelar dos proxectos eólicos de Rodeira, Pico Seco e Troitomil. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

13/03/2025   [10:00:00]   [7.13 MB]

Boletín informativo ambiental 14/03/25

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza tomba a privatización por parte da Xunta dos procedementos de avaliación ambiental. Máis de 500 barcos de pesca e mexilloeiros percorrerán a Ría de Arousa contra Altri e a Mina de Touro o próximo sábado, 22 de marzo. Os trámites da concesión de augas para as centrais de bombeo na Ruña, en Mazaricos, tamén terían caducado, ao igual que os de Altri. O xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros, na Mariña, atópase nun estado de abandono que ameaza a súa conservación. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

06/03/2025   [10:00:00]   [7.13 MB]

Boletín informativo ambiental 07/03/25

ADEGA demanda a Xunta pola desprotección da área afectada pola celulosa de Altri na Infraestrutura Verde de Galiza. E mentres, a Xunta continúa coa súa manobra para eludir centos de alegacións cun requirimento masivo a máis de 800 persoas para que demostren a súa condición de interesadas no expediente do proxecto. Por mar e por terra. A plataforma en Defensa da Ría de Arousa anuncia unha gran mobilización contra Altri e contra a Mina de Touro-O Pino. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal