ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Vitoria cidadá e ecoloxista na defensa da praia...

03-11-2014

Vitoria cidadá e ecoloxista na defensa da praia da Madalena

A Fiscalía Ambiental do TSXG confirma que Costas desistíu da súa teima de deitar 172.000 toneladas de area na praia da Madalena e na reserva mariña de Cedeira. Outra volta, a presión cidadá evita unha desfeita ambiental

Un proxecto curtopracista, chafalleiro, caro e impactante

Dez meses despois de que se fixese pública a intención da Demarcación de Costas de deitar 75.000 metros cúbicos (unhas 172.000 toneladas) de area na Praia da Madalena (Cedeira), a presión social freou este absurdo proxecto. A notificación da Fiscalía comunicando o arquivo da denuncia penal interposta por SomosCedeira e ADEGA entre outros colectivos, confirma que Costas desistíu da súa teima de deitar area, cando menos polo de agora.

O 22 de xaneiro de 2014 o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente comezaba o proceso de avaliación ambiental dun proxecto no que se ían deitar 75.000 m3 de area na Praia da Madalena e construir un dique de encanamento no río Condomiñas, para combater os efectos dos temporais na costa. ADEGA e SomosCedeira, que xa tiñamos colaborado denunciando a pasividade da administración ante a situación de abandono que sufría a praia, denunciamos o absurdo desta actuación. Non só porque deitar area supón un parche curtopracista que non solucionaba nada, senón tamén porque a erosión das praias é un problema que se agrava co aumento do nivel do mar, e cumpre tratar de buscar unha solución definitiva.

Tamén chamabamos a atención sobre as deficiencias do proxecto de Costas: Unha pobre fundamentación científica, especies inexistentes, erros ortográficos, etc. pero o máis grave é que ocultaba deliberadamente que a praia está dentro da “Reserva mariña de interese pesqueiro da Ría de Cedeira”, unha área protexida a todos os efectos.

Sensatez e responsabilidade cidadá fronte ao autoritarismo e desbaldimento de cartos públicos

Na primavera de 2014 despois da vaga de cicloxéneses invernais, o goberno español destinou 44 millóns de euros para "reparar" os danos dos temporais. Este investimento traduciuse nunha vaga de recheos de area por todo o litoral galego. En Cedeira anunciaron que o recheo era inminente (antes da tempada de verán). O 17 de abril, ante o inmediato comezo das obras, un cento de persoas manifestamos a nosa oposición a este proxecto concentrándonos na praia, e cinco meses despois, o 10 de setembro, repetiríase un acto semellante.

Grazas a estas mobilizacións nada se volveu saber da actuación "estrela", o recheo de area, aínda que si se levaron a cabo outras obras de "contención e estabilización". As máquinas entraron na praia para escavar unha zanxa ao pé da duna e soterrar unha fila de paus. Esta acción que xustificaron para estabilizar a duna non tiña fundamento científico nin estaba demostrada a súa eficacia, polo que SomosCedeira, ADEGA, ANOVA, EU, BNG e Galiza Nova presentamos unha denuncia na Fiscalia de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza.

Grazas a todos e todas por defenderdes na rúa a nosa natureza

Estes días a denuncia penal vén de ser arquivada pola Fiscalía ao non atopar indicios delitivos, máis lonxe de ser unha mala nova, esta comunicación confírmanos oficialmente que Costas desistíu polo de agora de deitar area na praia, xa que as pescudas do Fiscal diante de Costas non atoparon referenzas ao recheo masivo con area.

Esta é pois unha batalla ganada para a praia e a reserva mariña, e os verdadeiros artífices desta vitoria son os centos de persoas que se manifestaron na súa defensa. A cidadanía que particupou nas concentracións, a que asinou en Change.org ou a que deu a coñecer este problema falando con veciños e amizades debera estar orgullosa deste éxito. Demóstrase así que a presión social é o camiño para mudar o que consideramos inxusto e para defender a nosa natureza.

Que danos provocarán os temporais deste inverno que entra? Que medidas tomarán Costas e o Concello de Cedeira para paliar ou reparar os desperfectos? Nos próximos meses despexaranse estas dúbidas e saberemos se as obras realizadas foron realmente efectivas, ou simplemente será unha máis das tantas alteracións sen sentido, outro enorme desbaldimento de cartos públicos.

ADEGA e SomosCedeira insistimos en que só actuando sobre as causas polas que está a desaparecer a area nas praias poderase garantir unha solución duradeira a este problema. Como xa temos dito moitas veces ás admninistracións competentes, até que non se faga un estudo integral da Ría no que se analicen dende o punto de vista biolóxico, xeolóxico, oceanográfico, urbanístico, etc. cales son os factores que alteraron a dinámica natural, seguiranse a dar paus de cego e a desbaldir cartos públicos soterrados baixo a area ano tras ano.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal