ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A polución do aire reduciuse en máis da metade en...

14-05-2020

A polución do aire reduciuse en máis da metade en case todas as cidades galegas durante o estado de alarma

Concentración media horaria de NO2 (µg/m3) nas cidades galegas (https://bit.ly/NO2_cidadesgalegas)

As medidas establecidas pola declaración do Estado de alarma para evitar a propagación do coronavirus e que limitaron gradualmente os desprazamentos de persoas contribuíron a reducir o tráfico nas cidades e, por tanto, a mellorar a calidade do seu aire. Case todas as cidades galegas sufriron un descenso de máis da metade da súa contaminación atmosférica con respecto a 2019 durante as distintas etapas do período de confinamento polo COVID-19. Así o conclúe a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que vén de elaborar un informe sobre o impacto do confinamento na contaminación do aire das principais cidades galegas por mor do tráfico, partindo dos datos de polución rexistrados polas estacións de vixilancia ambiental de Meteogalicia e comparándoos cos do ano pasado e coa etapa previa á crise sanitaria. ADEGA analizou a evolución dos niveis de concentración de Óxidos de Nitróxeno (NOx, NO2), que son os gases emitidos principalmente polo transporte, en tres etapas: desde comezos do ano 2020 ata a declaración do Estado de alarma (etapa A); desde o 14 de marzo ata o 30 de marzo ou fase inicial do confinamento (etapa B) e desde o 1 de abril ata o 1 de maio ou segunda fase do confinamento (etapa C), na que os desprazamentos se limitaron ás actividades esenciais.

Os resultados deste estudo, en todo caso, son orientativos por canto o impacto real da Covid-19 na mellora da calidade do aire debería avaliarse tendo en contra outros factores que ADEGA non puido analizar como o impacto do cese parcial da industria na contaminación atmosférica, a meteoroloxía das diferentes etapas, ou aqueles factores indirectos que poderían alterar o correcto rexistro de datos nas estacións de vixilancia ambiental. Así mesmo, advírtese que nos meses previos ao confinamento  xa se observa un acusado descenso da concentración de dióxido de nitróxeno (NO2) nas principais cidades galegas por motivos alleos á Covid-19 e ao estado de alarma.

O confinamento reduciu a máis da metade a contaminación das cidades galegas

gráfica Evolución da concentración de NO2 µg/m 3 ) no 2020 en Vigo

Malia que nesta análise non se avalía a influencia do cese parcial da actividade industrial durante a corentena, esencial para determinar o impacto real do Covid-19 na mellora da calidade do aire nas grandes cidades galegas, si se pode concluír que o descenso do tráfico nas urbes galegas neste período contribuíu en boa medida a diminuír os niveis de contaminación atmosférica. Todas as cidades galegas, agás Ferrol, diminuíron en máis da metade a súa contaminación por tráfico, destacando a mellora significativa da calidade do aire en Vigo, onde as concentracións de NO2 diminuíron nun 71%, durante todo o período de confinamento.

Compostela, Pontevedra, Ourense e Lugo tamén reduciron a máis da metade a súa contaminación atmosférica procedente do tráfico rodado con respecto a 2019. Compostela descendeu nun 57% a súa polución, seguida de Pontevedra e Ourense coa baixada dun 55%, e de Lugo, cun 54%. Estes niveis acadan cotas de redución lixeiramente máis altas se temos en conta a inmisión de  óxidos de nitróxeno na forma NOx (NO2, NO).

Os datos da estación de medición ambiental da Torre de Hércules, na Coruña, tamén reflicten unha baixada importante da concentración de NO2 desde a declaración do estado de alarma, cun 49% de redución de NO2,  e por tanto, moi por debaixo dos niveis rexistrados nesas mesmas datas en 2019.

O caso máis rechamante corresponde á cidade de Ferrol, a única cidade galega na que apenas se observan cambios na polución do aire pola diminución do tránsito rodado, pois  o descenso do 41% de NO2 que se aprecia na primeira etapa do confinamento é pouco significativo se temos en conta que xa a comezos de ano se rexistraba un 38% de baixada nos valores de dióxido de nitróxeno con respecto a niveis de 2019. Fronte a estes resultados, cabería pensar que nesta cidade non se reduciu o tráfico tan abruptamente como noutras cidades ou que o tránsito non é a principal fonte de NO2, polo que a mellora da súa calidade do aire dependería máis da limitación da contaminación procedente da industria.

Redución da contaminación nas distintas etapas do confinamento

Táboa Evolución da concentración de NO2 Vigo (2020) por etapas de confinamento

Neste estudo, ADEGA tamén comparou os niveis de contaminación do aire entre a etapa inicial do confinamento (B) e a segunda fase (C) e tamén con respecto aos niveis rexistrados a comezos de ano (A). Como era previsible, todas as cidades galegas experimentaron a maior redución de polución na fase inicial do confinamento, entre o 14 e o 30 de marzo, con respecto aos meses anteriores. Agás Ferrol, todas as demais superaron o 40% da redución da contaminación do aire nesa primeira quincena de marzo, sendo Vigo e Ourense as que sufriron unha baixada de polución máis drástica neses días, cun 64% e un 58%, respectivamente.

Na seguinte etapa do confinamento avaliada neste informe, entre o 1 de abril e o 1 de maio, e na que se paraliza toda actividade económica non esencial, a evolución do descenso de polución nas diferentes cidades galegas foi dispar. En Ourense, A Coruña e Ferrol a restrición dos desprazamentos de persoas a actividades estritamente esenciais tivo pouca incidencia na mellora da calidade do aire. A polución nesas cidades diminuíu só entre un 15% e un 16% con respecto á etapa inicial do confinamento. Sen embargo, esta segunda fase tivo máis repercusión en termos de redución da contaminación do aire nas cidades de Lugo ou Pontevedra, onde decreceron nun 42% en nun 34%, respectivamente, con respecto á etapa inicial da corentena.

Durante todo o período de confinamento, do 14 de marzo ao 1 de maio, foron Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra as cidades galegas que máis notaron a redución da súa polución con respecto aos meses anteriores ao estado de alarma.

Os picos máis altos de contaminación durante o confinamento en Ferrol e Compostela

O informe elaborado por ADEGA tamén analizou en que cidades galegas se produciron os maiores picos de contaminación desde comezos de ano, e con especial atención ao período de confinamento. Esta análise conclúe que Compostela (111 ug/m3 de NO2) e Ourense (100 ug/m3 de NO2) foron as urbes na que se rexistraron valores de contaminación máis elevados desde comezos de ano, sendo a capital galega a que rexistrou o maior pico de polución. Malia a todo, estes rexistros mantivéronse por baixo dos límites máximos permitidos polo RD 102/2011, que establece os obxectivos de calidade do aire para os diferentes contaminantes. O pico máis alto de polución durante o período de confinamento foi rexistrado na cidade de Ferrol (78 ug/m3), seguida de Compostela (75 ug/m3) na etapa C, mais sen superar os niveis máximos permitidos.

Impacto do confinamento na calidade do aire por cidades

Fonte: La Voz de Galicia

A Coruña: Desde o inicio do confinamento a concentración de NO2 reduciuse nun 41%, e aínda descendeu outro 15% na segunda etapa durante a aplicación das medidas máis estritas. Con respecto a 2019, a redución de polución foi dun 57% na primeira etapa do confinamento e dun 42%, na segunda.

Ferrol: É a única cidade na que non se observan cambios significativos na calidade do aire desde a declaración do estado de alarma. Na estación de vixilancia ambiental Raíña Sofía de Ferrol, rexistráronse os valores máis altos de contaminación durante o período de confinamento.

Compostela: a presenza de NO2 na estación de San Caetano diminuíu á metade desde que se adoptaron as medidas máis estritas de confinamento, con respecto a comezos de ano. Comparando os niveis co ano anterior nas mesmas datas, é na primeira fase do confinamento cando se reduce de xeito máis notorio a polución do aire, caendo nun 65%.

Lugo: Os valores medios calculados permiten comprobar que durante a etapa inicial do confinamento, a polución baixou nun 42% con respecto ao comezo de ano, chegando ata un 59% na fase de limitacións máis severas. Con respecto aos niveis rexistrados en 2019, na primeira quincena de confinamento, a contaminación por NO2 reduciuse á metade, chegando a un 57% na segunda fase.

Ourense: A redución de NO2 no aire da cidade das Burgas tivo unha maior caída nos primeiros 15 días de confinamento, coa redución do 58%. Comparando os datos rexistrados cos equivalentes do ano anterior, a redución de polución durante todo o período de estudo foi dun 55%. Un dato moi significativo é que tendo en conta o que vai de ano, a concentración de óxidos de nitróxeno (NOx) en Ourense case duplica o nivel crítico anual de protección da vexetación (a media anual de concentración de NOx por riba do que poden producirse efectos nocivos para algúns receptores como plantas, árbores ou ecosistemas naturais), fixado en 30 ug/m3 polo RD102/2011.

Pontevedra: a cidade do Lérez rexistrou unha baixada do 44% de presenza de NO2 no aire na primeira etapa do confinamento con respecto á etapa previa ao estado de alarma, e chegou ata o 57% desde que se adoptaron as medidas máis exixentes. Con respecto ao ano 2019, a redución durante a primeira etapa do confinamento foi dun 53% e chegou a un 55% na segunda.

Vigo: é a cidade galega na que houbo unha diminución máis acusada da polución durante o período de estudo, reducindo os seus niveis de dióxido de nitróxeno nun 69% con respecto aos meses previos ao estado de alarma, e nun 71% con respecto ao ano 2019.

Leccións para o futuro

Fonte: El Progreso

A OMS advirte que a contaminación atmosférica a curto e longo prazo pode afectar á saúde das persoas, aumentando o risco de padecer enfermidades respiratorias agudas como pneumonía, ou crónicas, como cancro de pulmón e enfermidades cardiovasculares. Os Óxidos de Nitróxeno, en particular, poden afectar á saúde humana a través da inflamación das vías aéreas, afeccións de fígado ou bazo, alteracións nos sistemas circulatorio e inmunitario que, á súa vez, propician infeccións pulmonares e insuficiencias respiratorias. Tamén afectan ao medio ambiente, acidificando e eutrofizando os distintos ecosistemas, producindo afeccións metabólicas ou limitando o crecemento vexetal.

Pese a que as medidas adoptadas como consecuencia da alerta sanitaria responden a unha situación excepcional e temporal, desde ADEGA chamamos a atención sobre os seus resultados na mellora da calidade do aire nas cidades, os cales nos permiten concluír que o tráfico rodado é unha das principais causas de contaminación en ámbitos urbanos e de impacto na saúde ambiental e das persoas. Estes resultados poñen tamén de manifesto que mellorar a calidade do aire urbano é posible, sempre que se dispoñan medidas efectivas para reducir a contaminación e para facer valer o dereito da cidadanía de respirar aire libre de contaminantes. Algunhas destas medidas pasan por priorizar o transporte público sobre o individual, favorecer o uso da bicicleta e os desprazamentos a pé, investir en transporte colectivo con baixas emisións, potenciar alternativas como o metro lixeiro nalgunhas cidades, e reducir o transporte de mercadorías por estrada, potenciando o mercado local e de proximidade, ademais de incentivar a eficiencia e o aforro para reducir o consumo enerxético. Así mesmo, manter a biodiversidade e as contornas naturais mellora significativamente a calidade do aire nas cidades.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal