ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / TOUROLEAKS 6: Patrimonio Natural constata un...

09-04-2019

TOUROLEAKS 6: Patrimonio Natural constata un risco moi alto para a poboación e o ambiente do proxecto mineiro de Touro

No océano da documentación administrativa do proxecto mineiro de Touro, seguimos atopando informes que son un tesouro. Un dos últimos, que non o derradeiro, recolle a resposta que a D. X. de Patrimonio Natural da Xunta vén de emitir á actualización do proxecto presentado por Cobre San Rafael.

En xuño de 2018 diversos departamentos da Xunta (Augas, Medio Rural, Sanidade, Medio Ambiente) emitiron informes sectoriais moi críticos co proxecto mineiro. Subliñaban unha manchea de carencias e inexactitudes que ían provocar contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera, risco de derrubamento, etc. En resposta, Cobre San Rafael pedíu a suspensión dos prazos administrativos para presentar unha “actualización” do proxecto, na práctica unha “mina 2.0”, coa que saír ao paso das graves eivas atopadas polas administracións.

Dende entón, a mineira veu tentando tapar as fendas do seu proxecto mutante que a cada pouco abrían os novos informes administrativos, pedindo tras cada un que pararan os prazos, e apremiando tras cada resposta o remate da tramitación. Así até principios de febreiro deste ano, cando tras o último informe da D. X. de Patrimonio Natural a mineira solicitou unha suspensión de 4 meses na tramitación da DIA (Declaración de Impacto Ambiental).

O detonante desta última solicitude de graza de Cobre San Rafael é un demoledor informe da D. X. de Patrimonio Natural (Medio Ambiente), emitido sobre a “actualización 2.0” do proxecto mineiro. Neste informe faise referenza a aspectos críticos dos impactos do proxecto, que ou ben non son contemplados ou as propostas da mineira resultan insuficientes. Entre eles:

  • Sobre as especies protexidas: “…Bótase de menos unha análise obxectiva da incidencia dos escenarios accidentais sobre a biodiversidade en risco”.
  • Sobre a natureza dos estériles, xeradores ou non de drenaxe ácida: “Non acaba de quedar claro que se poida interpretar unha distinción […] entre uns e outros estériles. [...] As características do proxecto susténtanse en grande medida nesta previsión, sen ofrecer un rango de solucións alternativas e de operación de non producirse as previsións do 50% NAG-PAG”.
  • Sobre o desvío de regos: “Bótase de menos a xustificación da perda da rede fluvial…” e unha “falta de solución alternativa” xa que as augas desviadas, se estiveren contaminadas “non terán outro destino que o propio vertido á rede fluvial”.
  • Sobre o as presas mineiras: “O risco do proxecto que nos ocupa encádrase en risco moi alto”. O escenario de risco elevado […] deberá ter unha correspondencia coas medidas preventivas a adoptar”.
  • Sobre os riscos do proxecto: “O documento de análise de riscos non contén unha simulación de continxencias, a análise das repercusión sobre o ambiente e a operativa a despregar en caso de falla”.
  • Sobre a responsabilidade dos operadores: “…debera superar o simple análise e caractarización dos riscos sinalados e avanzar na análise de repercusións e na operativa de medidas necesarias ante […] o funcionamento anómalo da impermeabilización das balsas, o lixiviado ácuido dos muros das entulleiras NAG, o incorrecto funcionamento das drenaxes […] a falla dos muros que encapsulan os residuos ou simplemente a falla de previsión ou causas sobrevidas”.
Finalmente, a D. X. de Patrimonio Natural conclúe que “dadas as carencias subliñadas no apartado precedente [...] non se pode facer unha análise e avaliación precisa sobre os efectos sobre o patrimonio Natural e a Biodiversidade” […] “non dando cobertura a actual documentación ao requerido”. Tal e como acontecera coa primeira versión, nesta “actualización” do proxecto a administración constata “a esistencia dun risco moi alto de falla e con consecuencias, por tanto, sobre poboacións humanas e medio ambiente”.

Á vista destas contundentes conclusións, fica claro que o proxecto mineiro de Touro está ferido de morte. En consecuencia, dende ADEGA instamos á consellaría de Medio Ambiente a que non demore máis unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa. Son xa máis de dous anos de tramitación dun proxecto que con cada nova mutación evidencia máis fendas, riscos e preocupantes omisións… Abonda pois de compoñendas: a Xunta ten suficientes argumentos para deixar de marear papeis e botar o peche a este perigoso e caótico proxecto.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal