ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Cultura recoñece danos dunha canteira sobre un...

28-03-2019

Cultura recoñece danos dunha canteira sobre un Castro de Mondoñedo e o Camiño de Santiago

Como resultado das denuncias presentadas polas asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural enviou un documento ao Concello de Mondoñedo onde se informa que “con motivo das dilixencias informativas abertas por explotación de canteira no lugar de Vilamor” esta canteira  “ocupa terreos do ámbito protexido do xacemento Castro da Trinidade, alterando substancialmente o terreo e subsolo, sen que dita intervención teña  amparo dunha autorización desta Administración”. Neste mesmo documento recoñécese que dita explotación ocupa tamén “superficie do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte”. Por outra parte, Patrimonio sinala que este ben patrimonial está catalogado  e que en 1997 establecéranlle límites á canteira para protexer a mencionada zona arqueolóxica.

Esta documentación da Subdirección Xeral de Patrimonio baséase nos informes realizados por arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio de Santiago. Uns informes que contrastan, contradín e mesmo deixan en evidencia os elaborados polo Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo. Desde o Servizo provincial pretendíase demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, así como xustificar as desfeitas provocadas por Canteras Santa Cecilia, argumentando que se trataba dunhas “antigas remocións de terras” nunha “canteira hoxe abandonada”.

Cómpre lembrar que o Servizo de Patrimonio de Lugo mesmo tiña solicitado a descatalogación deste sitio arqueolóxico; descatalogación e desprotección que non se chegou a materializar porque o Servizo de Lugo posiblemente non tiña seguido os procedementos legais para conseguilo. A descatalogación do xacemento conlevaría uns beneficios económicos moi elevados para a empresa propietaria da canteira e legalizaría a posible situación irregular, derivada da ocupación e explotación dunha zona arqueolóxica protexida.

En 2018  ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaban perante a Fiscalía a posible ocupación e destrución do sitio arqueolóxico pola canteira, así como o intento de desprotección do xacemento por parte do Servizo de Patrimonio de Lugo, achegando ambas asociacións probas que contradín os  informes elaborados por este Servizo. Agora é a propia Dirección Xeral de Patrimonio a que achega probas dos posibles danos no Castro de Trinidade e no Camiño de Santiago, deixando en evidencia o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal