ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A sentenza de Barreiros abre a porta á impunidade...

12-02-2019

ADEGA recorrerá na Audiencia Provincial a sentenza que absolve ao alcalde de Barreiros

A sentenza de Barreiros abre a porta á impunidade na política urbanística municipal

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que actuou como acusación particular no procedemento penal contra o Alcalde, arquitecta e os concelleiros do goberno municipal de Barreiros de 2006 por presunta prevaricación urbanística, presentará recurso diante a Audiencia Provincial contra a sentenza absolutoria ditada polo Xulgado do Penal  nº 2 de Lugo. O secretrario xeral de ADEGA, Froilán Pallín Seco, destacou hoxe en rolda de prensa que a sentenza absolutoria adoece de importantes eivas de análise e xera un precedente nefasto na ordenación do territorio que favorece a arbitrariedade e a inseguridade xurídica.

Entre as eivas detectadas no fallo, ADEGA resalta as seguintes:

-O tribunal derivou a controversia cara a unha cuestión técnica, xa que di que a cuestión central para dirimir se houbo ou non prevaricación é se as parcelas sobre as que se concederon as licenzas eran solo urbano non consolidado ou consolidado, e se poderían adquirir esta condición mediante obras accesorias. Desde ADEGA pensamos que xuridicamente este debate está claro desde a Lei do Solo de 1956 e que non existe confusión entre o que é solo consolidade e non consolidado. Existen ademais suficientes probas achegadas ao procedemento de que o Alcalde Barreiros, a arquitecta, o equipo de goberno, e tamén a Xunta eran conscientes da súa ilegalidade por canto asinaron un Convenio de Colaboración dotado de 14 millóns de euros de fondos públicos para rectificar a falta de servizos básicos das promocións.

-O xuíz outorga menor valor testemuñal aos técnicos expertos. Consideramos que non poden ter o mesmo peso os informes dos expertos en urbanismo que non aqueles que non teñen ese coñecemento especializado. Sen embargo, o xuíz dá maior valor ao testemuño de enxeñeiros técnicos e de menor cualificación que ao dos seis expertos en materia urbanística, funcionarios, xuristas e arquitectos da Xunta e da Axencia Galega de Legalidade Urbanística (APLU), que participaron no xuízo oral. Ademais, as peritaxes ás que o xuíz dá maior crédito datan de anos posteriores ao da concesión das licenzas polo que non reflicten a realidade urbanística do ano 2006, contravindo  os informes dos técnicos da Xunta, que foron realizados naquel momento.

-Despreza a análise doutras accións presuntamente delitivas. Ao centrar o debate nunha consideración meramente técnica sobre o que é ou non é solo consolidado, non se pronuncia sobre outras accións presuntamente delitivas que, ao noso entender, foron efectuadas con total arbitrariedade. Por exemplo, referímonos ao falseamento das alturas das edificacións para permitir encubertamente unha maior edificabilidade e o feito de autorizar a construción dos sotos dos edificios sobre a rasante da vía pública, como se fosen planta baixa.

-Non analiza caso por caso, senón todo o conxunto. O feito de que o xulgado non analice unha por unha as licenzas outorgadas, tal e como demandaba ADEGA, implica que a análise da cuestión sexa inxusta. Podería haber razóns para dubidar da legalidade dalgunhas licenzas, pero en moitos outros casos, os propios informes técnicos e as circunstancias individuais de cada unha das promocións demostran claramente a súa ilegalidade, de aí que ADEGA pedise que se analizase por separado cada acto administrativo.

Nefastas repercusións do fallo

ADEGA non pode deixar que esta sentenza absolutoria se convirta en firme polas nefastas repercusións que tería na polícita urbanística municipal e no correcto ordenamento do territorio do país.  En primeiro lugar, o Xulgado estaría creando un grave precedente ao eximir de responsabilidade penal aqueles funcionarios públicos que se amparen no descoñecemento da norma e nas dúbidas de interpretación legal xeradas pola actuación da Xunta. O cambio de criterio do goberno da Xunta, ao retirar os contenciosos interpostos contras as licenzas ilegais por motivos exclusivamente partidarios, serviu de escusa ao tribunal para xustificar as actuacións dos acusados.

Por outra parte, para ADEGA, o feito de que o tribunal recoñeza que a falta de normativa urbanística municipal crea inseguridade xurídica e que esta pode ser un fundamento para absolver de cargas penais aos acusados, é algo extraordinariamente preocupante. A sentenza traslada a perigosa mensaxe de que os concellos que incumpren a lei por non ter adaptado o seu planeamento á lei vixente teñen maior capacidade para manobrar urbanisticamente, que aqueles que teñen a normativa ao día. E de paso, permite esquivar as responsabilidades penais perante eventuais denuncias contra os gobernos municipais por resultar moi difícil probar a existencia de delicto: vivir na indefinición urbanística, na alegalidade, reportaría evidentes vantaxes.

Por este motivos, ADEGA presentará recurso diante da Audiencia Provincial antes do 27 de febreiro.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal