14-01-2019
Co novo ano facemos balanzo das principais cuestións abordadas en 2018 e como se presentará o panorama ambiental para esta vindeira xeira:
An máis de 42000 sinaturas acadadas por esta iniciativa en defensa dos bosques autóctonos, unha das máis apoiadas da historia, dan a medida do interese e preocupación que a cuestión forestal desperta na sociedade galega. Ducias dos colectivos máis diversos e centos de actos por todo o país puxeron no foco o futuro do monte galego e no modelo forestal imperante, baseado na hexemonía do eucalipto, sinalando tamén alternativas. A negativa do PP e a abstención do PSOE frustraron outra oportunidade de darlle un respiro aos ecosistemas forestais galegos, de novo en perigo pola segunda vaga eucaliptizadora que ven da man dos cultivos enerxéticos.
O feito de que o PP vetara a participación dos ecoloxistas na Comisión parlamentaria para a investigación dos lumes, dá conta da estratexia do lobby pasteiro-enerxético e os seus valedores políticos: prohibido dar testemuña da desfeita.
Obxectivos 2019: Ás dinámicas sociais xeradas arredor desta ILP queremos darlle continuidade este ano co proceso de debate e resposta ao novo Plano Forestal.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
A reactivación do vello proxecto mineiro de Touro tenta reproducir tamén algúns modelos caducos de explotación de recursos. Malia á camuflaxe é a propaganda dos promotores, o traballo dos colectivos ecoloxistas e sociais dirixiuse nun primeiro momento a debruzar a letra pequena –e non tan pequena- do proxecto, amosando as súas posíbeis consecuencias. Dar a coñecer esta realidade, con datos e información independente, tentando deslocalizar a resposta social e comnsegir implicar na problemática a importantes sectores produtivos como a pesca e o marisqueo da ría de Arousa, foron algúns dos obxectivos conseguidos.
Obxectivos 2019: Para complementar a fronte social e institucional contra o proxecto de Touro tentaremos abrir tamén a vía xudicial.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
O modelo SOGAMA propougado pola Xunta e os seus socios eléctricos segue metastatizándose e mutando a un tempo. Durante o pasado ano aconteceron varios intentos de reproducir, baixo varios proxectos pantalla, aqueles elementos dos que SOGAMA máis renegou e presumíu eliminar: os vertedoiros de lixo. Lousame, Ordes, Teo… todos fillos indesexados de SOGAMA e todos obxecto dunha contundente resposta social.
No entanto, os proxectos de compostaxe a variada escala avanzan imparábeis. Baseados na experiencia de anos das organizacións ecoloxistas, animados por unha boa resposta social e polos ventos que sopran dende Europa, onde cada vez son máis estritas as esixencias para a reciclaxe das fraccións e a compostaxe da materia orgánica, as iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria multiplícanse polo país. O exemplo máis avanzado é o do concello de Allariz, onde todas as persoas poden compostar os seus residuos, hai 25 áreas de compostaxe comunitaria en funcionamento, recollida porta a porta de residuos orgánicos e vidro na hostelería e compostaxe caseira no rural.
Obxectivos 2019: Consolidar os novos proxectos de compostaxe e estendelos a novos ámetos, poñendo de manifesto o cada vez máis fracasado modelo SOGAMA.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
As insuficientes políticas preventivas e compensatorias para dimuir os ataques e restituir as perdas á cabana gandeira teñen como consecuencia a precarización da situación do lobo, sinalado novamente como principal causa do fracaso dalgunhas explotacións. A responsabilidade da administración na xestión desta especie emblemática resulta chave para facilitar a convivencia co lobo no rural e desactivar os conflitos. Porén, dende as organizacións ambientalistas esiximos medidas suficientes á altura desta responsabilidade, ao tempo que tentamos desmontar vellos clichés que tentan poñer ao lobo no albo, mentres se ignora a responsabilidade que algunhas explotacións e mesmo medios teñen na criminalización social desta especie.
Obxectivos 2019: Levantar figuradamente a absurda barreira xeográfica que permite a caza ou “xestión” do lobo Douro arriba, e que este carnívoro acade en Galiza a protección que merece.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
Semella que a burbulla inmobiliaria aconteceu nun pasado remoto e que os seus efectos xa están amortizados. Porén, fican aínda unha manchea de cadáveres estrados polo país ou submersos nas lameiras xudiciais. Algúns dos que aínda emerxen á superficie exemplifican o absurdo dun modelo territorial suicida, alentado con inxentes cantidades de cartos públicos. Se aínfa fican aí, foi por mor da teima dalgunhas entidades que como ADEGA non renunciamos a que a lei fora igual para todos/as e a sinalar que aquelas desfeitas tiñan culpábeis, exixindo responsabilidades.
Obxectivos 2019: A sentenza do “Caso Barreiros” vai marcar un antes e un despois na xestión urbanística do territorio. Agardemos que sexa exemplar, e non outro exemplo de xustiza lenta e discriminatoria que deixe os delictos impunes.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
Unha nova enxurrada de parques eólicos vén da man das altas rendibilidades que para as eléctricas teñen estas enerxías. Aproveitando tamén milloras técnicas, com maiores rendementos e custos máis baixos, novos parques eólicos pilan por instalarse no país reproducindo os erros da época fraguiana: todas as facilidades para o oligopolio, e novos impactos e “agravio eléctrico” para a cidadanía. Pola súa banda a Xunta fixo todo o posíbel, lei de Depredación mediante, par deixar de novo o camiñpo expedito ás empresas. Costa da Morte, Coristanco, Ordes, Touro, Mesía, Frades… moitos destes parques ameazan interesantes espazos e mesmo sectores produtivos autóctonos.
Obxectivo 2019: Facer seguemento destas novas instalacións, moitas delas artificialmente fragmentadas e tramitadas fraudulentamente, dotando á cidadanía de información e criterios para facerlles fronte.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
A biodiversidade autóctona non é a única ameazada pola mercantilización do monte galego. O “deserto verde” que traen os monocultivos de eucalipto esténdese tamén sobre a riqueza patrimonial e cultural do rural galego. Elementos arqueolóxicos danados (mámoas, castros…), paisaxes culturais luxados (Pedregal de Irimia) ou mesmo os camiños históricos non están a salvo dos efectos do eucalipto e do cemento. A falla de compromiso das administracións encargadas de tutelar este acervo común fai que sexamos os colectivos sociais os que teñamos que defendelo, mesmo pola vía xudicial.
Obxectivos 2019: Seguemento e ampliación das iniciativas xudiciais en defensa do patrimonio cultural ameazado.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
Non renunciamos a que a rede galega de espazos protexidos acade a dimensión e a protección acorde á súa riqueza. Alén de seguirmos reivindicando o alongamento da RN2000 e a dotación de instrumentos de xestión para os espazos e especies, pulamos por incorporar novas figuras de protección do territorio "non canónicas", como a custodia do territorio. Ríos, fragas, praias, microrreservas… están xa a ser xestionadas baixo esta figura “branda” que elimina un dos principais factores de distorsión para a consecución dos obxectivos ambientais nestes espazos: a administración.
Obxectivo 2019: Alongar a rede de espazos custodiados ao tempo que reclamamos protección efectiva das figuras de protección ambiental de hábiats e especies.
Referenzas das actuacións de ADEGA:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal