ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Un berro ecoloxista de rebeldía contra o lume e o...

06-10-2013

Un berro ecoloxista de rebeldía contra o lume e o desleixo e por un mundo rural vivo

Por unha Galiza sen lume, por un rural con futuro

Manitesto: Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro

Firejóo

O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto e de paso estragou a Ría de Pontevedra, impedindo o desenvolvemento forestal e marisqueiro substentábel. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentras desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

  1. Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.
  2. Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.
  3. Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituilos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.
  4. Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.
  5. Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.
  6. Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.Este día o pobo galego está a falar, e dixo ben claro que non nos resignamos a ver como este goberno fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.

Listaxe de apoios

Manifestación 6-O Por unha Galiza sen lumes

  • A RÍA NON SE VENDE
  • ADEGA - ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA
  • ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
  • AMIGOS DA TERRA
  • ANOVA
  • ASEMBLEA NACIONAL DA GALIZA CONTRA OS INCENDIOS
  • ASOCIACIÓN A COVA DA TERRA DE LUGO
  • ASOCIACIÓN ANIMALISTA LIBERA
  • ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA
  • ASOCIACION CULTURAL AS SAGHIEIRAS DE LARIÑO
  • ASOCIACIÓN CULTURAL O GALO
  • ASOCIACIÓN CULTURAL ROXIN ROXAL
  • ASOCIACIÓN DE EDUCACIÓN AMBIENTAL PAPAVENTOS
  • ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
  • ASOCIACION DE MEDIOS EN GALEGO
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA A GROBA
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA ARCO IRIS
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA COTO DO FRADE
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA NATURVIVA
  • ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SOSTIBLE O GRELO VERDE
  • ASOCIACION POLA DEFENSA DA RIA DE PONTEVEDRA
  • ASOCIACIÓN PROFESIONAL DO PERSOAL LABORAL DO S.P.D.C.I.F.
  • ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL O IRIBIO
  • ASOCIACIÓN TREZE CATORZE
  • ASOCIACION VECIÑAL DO SAVIÑAO
  • ASOCIACIÓN VECIÑAL OZA GAITEIRA OS CASTROS
  • ASOCIACIÓN XUVENIL PARA O ESTUDO DA NATUREZA
  • ASOCIAICÓN ECOLOXISTA E CULTURAL VERBO XIDO
  • BAÍA EDICIÓNS
  • BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
  • CLUB DE SENDEIRISMO VIA LACTEA
  • COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN
  • COMITÉ DE DEFENSA DO MONTE GALEGO
  • COMITÉS ABERTOS
  • COMUNIDADE DE MONTES DE CALDEBARCOS
  • CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA
  • CONTRAMINATE
  • COOPERATIVA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA RAINHA LUPA DE QUILMAS
  • EQUO GALICIA
  • ESCOLA DE VELA CATAVENTOS
  • FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA
  • FEDERACIÓN RURAL GALEGA
  • FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
  • FUNDACIÓN GONZALO LÓPEZ ABENTE
  • FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DE ESTUDOS GALEGOS
  • GALIZA NON SE VENDE
  • GALIZA NOVA
  • GENTALHA DO PICHEL
  • GREENPEACE GALICIA
  • GRUPO DE ESTUDO DOS ANIMAIS SALVAXES
  • GRUPO ECOLOXISTA XEVALE
  • INMOCHALET
  • MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
  • ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMUN
  • PARTIDO DA TERRA
  • PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA
  • PLATAFORMA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS
  • PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO
  • PLATAFORMA NAVARRA EN DEFENSA DE LOS RÍOS
  • PLATAFORMA PARA A DEFENSA DAS FRAGAS DO EUME
  • PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
  • PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO
  • QUEREMOS GALEGO
  • QUINCE EME DA RÍA
  • REDE CONTRAMINACCIÓN
  • SALVEMOS MONTEFERRO
  • SINDICATO LABREGO GALEGO - COMISIÓNS LABREGAS
  • SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA MONTE CABALAR (PRESIDENCIA)
  • SOCIEDADE DE MONTAÑA ÁRTABROS
  • SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL
  • SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXIA
  • SOS COUREL
  • TOMA LA TIERRA
  • UNIVERSIDADE CROMATICA DAS VIRTUDES
  • UNIVERSIDADE POPULAR DE CORCUBION
  • VERDEGAIA
  • XUVENTUDES COMUNISTAS DE GALICIA
  • XUVENTUDES SOCIALISTAS

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal