ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e SomosCedeira deixarán de participar na...

16-01-2017

ADEGA e SomosCedeira deixarán de participar na Plataforma en defensa da Ría de Cedeira

Despois duns meses da creación deste colectivo a asociación ecoloxista ADEGA e o colectivo cívico Somos Cedeira, deixarán de participar por entender que se desvía dos obxectivos para os que foi constituída.

A posición de ADEGA fronte o soterramento indiscriminado das praias galegas, foi sempre claro: investigar cales son as causas da desaparición de area e atallar esas causas. Sempre se manifestou en contra do soterramento indiscriminado polo custosa que é esa medida e polas graves consecuencias mediambientais que estas intervencións teñen. Por esas razóns impulsou a creación da plataforma en defensa da Ría de Cedeira, porque era un paso necesario para acadar unha xestión máis ecolóxica do entorno da praia e da ría de Cedeira.

O leitmotiv da constitución desta plataforma foi o de esixir que se realizase un estudo de impacto ambiental antes de acometer custosas intervencións, para poder coñecer a efectividade das intervencións e o impacto que producen sobre a reserva mariña. Así o entenden ADEGA e SomosCedeira que veñen reclamando este estudo dende o ano 2014, no que despois dunha serie de fortes temporais se deitou area en moitas praias galegas.

Esta demanda cidadá, que a Demarcación de Costas se empeña en non realizar, leva vixente polo menos dende o ano 2001, como atestigua o diario de sesións do Senado no que se recolle unha pregunta do BNG sobre as obras de dragado que se realizaron nese ano. A resposta do goberno dí textualmente que “Se iniciará el estudio para cuantificar las causas del deterioro y evaluar posibles soluciones cuando concluya la obra que se está realizando”.

O último acordo da plataforma de propoñer o retranqueo da praia, sen ningún tipo de estudo previo, alónxase desa idea coa que se constituíu a plataforma e que a cidadanía de Cedeira leva 16 anos reivindicando. Se realmente esta plataforma vai propoñer intervencións na praia sen o correspondente Estudo de Impacto Ambiental (EIA), non ten sentido que ADEGA e SomosCedeira sigan participando nela, posto que vai en contra dos valores que defenden.

Por estas razóns, ADEGA-Ferrolterra e SomosCedeira acordaron que deixarán de participar nesta plataforma, de non existir un cambio na liña que mantén.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal