ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A CH deberá declarar caduca a concesión para...

30-11-2016

A CH deberá declarar caduca a concesión para explotar a Fábrica da Luz de Lugo

O pasado 25 de novembro, coincidindo co aniversario da paralización das obras da minicentral da Fábrica da Luz, a plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, xunto con ADEGA, presentou ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil unha solicitude para declarar caduca a concesión de explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, que foi outorgada ao Concello de Lugo por este organismo o 6 de maio de 2015, así como o arquivo da solicitude de prórroga para a execución das obras da minicentral, presentada polo Concello de Lugo o pasado 11 de novembro.

Ambas entidades entendemos que esta concesión debe ser declarada caduca ao vencer o pasado 12 de novembro o prazo para a execución das obras da minicentral da Fábrica da Luz, a cuxo cumprimento quedaba supeditada dita autorización de explotación, requirimento que aparece claramente recollido na condición específica 2ª da propia concesión. Ao mesmo tempo, este documento establece na súa condición xeral 22ª que “a presente concesión poderá declararse caducada por incumprimento de calquera das condicións esenciais ou prazos nela previstos”, como é o caso. Ademais do establecido nas condicións da propia concesión de augas, as razóns da súa caducidade tamén veñen estipuladas en sendos artigos da Lei de Augas e do Real Decreto que regula o Dominio Público Hidráulico, nos que se establece que a caducidade dunha concesión poderá declararse por incumprimento de calquera dos prazos establecidos.

Alén dos anteriores fundamentos legais, Lugo de Cara ao Miño e ADEGA destacan que a estas alturas xa non sería factible que o Organismo de Bacía concedese unha prórroga da concesión, dado que esta debería ter sido aprobada nun momento previo ao vencemento do prazo de execución de obras, é dicir, antes do 12 de novembro, e nunca despois. Así o establece a Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas vixente, no seu artigo 32.3: “En ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido”. Así pois, malia que o Concello de Lugo solicitou a prórroga da concesión un día antes do vencemento do prazo de execución das obras, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non se pronunciou a tempo, polo que calquera resolución que agora se produza deberá ser no sentido negativo á solicitude de prórroga. Por se isto fose pouco, o Concello de Lugo debería ter presentado a solicitude de prórroga cunha antelación mínima de dous meses antes da data de vencemento do prazo de execución das obras, acompañando un documento que xustificase o motivo da súa petición de prórroga, requirimentos legais que tampouco cumpriu. 

Outros motivos a prol da caducidade da concesión

Ademais dos motivos legais, consideramos que non ten sentido prorrogar unha concesión que está a resultar ruinosa para o concello de Lugo, que carece de interese público e que provoca un gravísimo impacto ambiental nun espazo natural protexido como Rede Natura 2000. Por tanto, existen razóns de carácter ambiental, socio-económico e de xustiza que xustifican a caducidade desta concesión de augas:

Ambientais: Non acabamos de entender por que o Concello de Lugo insiste en proseguir co proxecto de rehabilitación e explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz cando non cabe a menor dúbida de que estas obras afectarían gravemente ao espazo natural protexido como Rede Natura máis importante do municipio, onde, ademais de ser advertida múltiples veces por estas entidades, foi oficialmente constatada a ameaza do proxecto sobre hábitats e especies protexidas de grande valor, mesmo en perigo de extinción. Por tal motivo, o Concello viuse obrigado a deseñar un plan de protección das especies protexidas ameazadas que aínda está por validar e que, en todo caso, desde o noso punto de vista, non evitaría o grave impacto sobre a biodiversidade que existe na zona de actuación. En todo caso, para poder autorizar a intervención na zona protexida, a Confederación tamén se vería obrigada a tramitar un novo expediente de modificación do proxecto dos dispositivos de franqueo. Cabe recordar ademais, que desde estas entidades se ten advertido reiteradamente que a Declaración de Impacto ambiental do proxecto é incompleta e non garante a preservación dos valores naturais do espazo natural afectado á que obriga a lexislación ambiental, polo que se debería ter anulado ou, cando menos, modificado.

Socioeconómicas: Non acabamos de entender por que o Concello de lugo insiste en continuar co proxecto da minicentral da Fábrica da Luz cando, ata o momento, só supuxo custos e prexuízos para as arcas municipais e para os bens públicos do municipio. Lembremos que, de poñerse a producir esta minicentral, o Concello de Lugo só obtería algo máis de 5.000 euros anuais pola explotación, cando a empresa adxudicataria prevé acadar uns ingresos anuais próximos aos 100.000 euros durante os vindeiros 38 anos. Paralelamente, a viabilidade do proxecto de musealización da Fábrica da Luz está en entredito, xa que nin tan sequera se teñen rematado as obras de rehabilitación do edificio, para o cal habería que redactar un novo proxecto de rehabilitación, logo de terse extinguido no pasado mes de maio o contrato destinado a tal fin coa UTE Varela Villamor S.L e Indeza S.L.. Pola contra, o proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz só ten suposto perdas económicas a cargo dos nosos impostos. Por un lado, a rehabilitación do edifico, aínda por rematar, xa supuxo un gasto superior a 1,2 millóns de euros, cantidade que tería sido ben investida se non se deixase deteriorar de novo o edificio e se protexese como debera o patrimonio vinculado á mesma. A día de hoxe, a fábrica volve estar nun avanzado estado de deterioro e o material e maquinaria asociada, en paradeiro descoñecido. Por outra banda, a mala praxe da política municipal e a construción ilegal dunha ataguía xunto ao Caneiro da Luz, obrigou a todas as veciñas e veciños de Lugo a facerse cargo dunha multa e indemnización superior aos 215.000 euros, ademais dos gastos relacionados coa retirada da ataguía, outros 40.000 euros. A estas cantidades habería que sumarlle os gastos relativos á multa ou indemnización que resulte do expediente sancionador pendente de resolver pola construción do dique fóra da época de estiaxe e polo potencial expediente sancionador aberto contra o Concello por non ter efectuado como debería as obras de reposición. Por último, hai que ter en conta que o Concello depositou unha fianza superior aos 51.000 euros a favor da Confederación Hidrográfica tras a resolución da concesión de augas. En total, os custos económicos municipais derivados do proxecto de explotación da Fábrica da Luz, sen aínda tan sequera ter iniciado as obras de explotación e moito menos ter comezado o aproveitamento hidroeléctrico, xa poderían ter acadado os 2 millóns de euros. 

De xustiza: Non acabamos de entender por que o Concello de Lugo insiste en proseguir con este proxecto cando a única que se vai beneficiar da prórroga da concesión vai ser a adxudicataria do contrato de explotación, INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A., contra a cal o Concello non iniciou nin o primeiro expediente sancionador, pese a que publicamente ten manifestado a súa intención de pedirlle contas polos prexuízos creados pola construción ilegal dunha ataguía, tras a multa imposta polo Ministerio de Medio Ambiente. Tampouco entendemos a que se debe este presumible trato de favor coa empresa adxudicataria cando o único que se busca é privatizar un espazo público que nos pertence a todos os veciños e veciñas de Lugo e cuxos valores ambientais e patrimoniais se están a poñer en perigo. Non hai máis que ver en que estado de conservación quedou o Caneiro da Luz, tras as obras do dique ilegal, cuxa reparación suporá agora un maior esforzo económico por parte das arcas públicas.

Consecuencias da extinción da concesión

A principal consecuencia da extinción da concesión, que tal e como expuxemos deberá producirse, será que os dereitos de uso das augas do Miño para a explotación da Fábrica da Luz reverterán ao Estado. É previsible, ademais, que a extinción da concesión supoña a apertura dun novo expediente sancionador contra o titular concesional e a non devolución da fianza depositada na Confederación Hidrográfica. 

Así mesmo, todos aqueles contratos ou tramitacións que estivesen vinculados a esta concesión deixarían de ter vixencia, incluído o contrato asinado entre o Concello de Lugo e a empresa adxudicataria da explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A. 

Por último, o dominio público afectado polas obras da minicentral terá que ser desocupado e, por tanto, volverá a ser accesible para  o uso e desfrute de todas as veciñas e veciños de Lugo. 

Desde a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” lamentamos ter que recorrer á solicitude da caducidade desta concesión, cando podería ter sido un proxecto modélico e de interese colectivo para a cidade de Lugo poñer a producir a súa antiga Fábrica da Luz de forma directa, sen necesidade de privatizar a explotación nin de aumentar o caudal e a potencia hidroeléctrica da que xa dispoñía na súa orixe. Algo que intentamos trasladarlle á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, antes de tomar esta determinación, pero desde hai dous meses estamos agardando sen éxito a que acceda a reunirse con esta plataforma. 

Por tanto, ante a carencia do interese público do proxecto aprobado e a falta de vontade do titular da concesión, o Concello de Lugo, para evitar a catástrofe ambiental, económica e social que suporía o seu desenvolvemento para o noso peto e para os nosos bens naturais e patrimoniais, vémonos na obriga de solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a caducidade da citada concesión. 

Agardamos, cando menos, que esta experiencia sirva de escarmento para o goberno municipal de Lugo e para todos aqueles responsables políticos que usan os recursos de todas e todos para favorecer os intereses privados pasando por riba do interese colectivo. Isto non exclúe que siga sendo lamentable que a sociedade civil teña que ser a que, de novo, defenda os bens e intereses de todos e todas fronte a avaricia do sector  privado e a incompetencia da administración pública.

INTEGRANTES LUGO DE CARA AO MIÑO: Os colectivos ecoloxistas, sociais e culturais ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Galiza-Nova, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño, Vagalume C.S-C.A e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal