ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA insta á Ministra a ordear axiña a retirada...

05-05-2016

ADEGA insta á Ministra a ordear axiña a retirada do dique ilegal do Miño para evitar impactos irreversibles

Lugo de Cara ao Miño e ADEGA advirten que se non se retira neste verán habería que agardar a unha nova época de estiaxe

Dique ilegal

O vindeiro martes, 10 de maio, cumpriranse seis meses desde o inicio das obras do dique ou ataguía ilegal da fábrica da luz no leito fluvial do río Miño e en espazo de Rede Natura. Ante a demora que está a sufrir a resolución do expediente sancionador aberto pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra o Concello de Lugo e a empresa INCA pola execución das obras fóra do lugar contemplado no proxecto e sen autorización previa, a plataforma "Lugo de Cara ao Miño" vén de presentar un escrito ante o Ministerio e Medio Ambiente, a través de ADEGA (persoanda no expediente), instando á Sra. Ministra en funcións, Isabel García Tejerina, a resolver canto antes dito expediente obrigando aos responsables das obras ilegais a retiralas en canto as condicións ecolóxicas do río o permitan, é dicir, nos meses de verán.

Se esta resolución se retrasa demasiado, habería que agardar a unha nova época de estiaxe e de caudais mínimos para poder retirar o dique e intervir no río coas precisas garantías ambientais, o que podería prolongar a permanencia da ataguía ilegal no Miño, como mínimo, por un ano máis. Esta dilación no tempo sería inasumible en termos ambientais, xa que non esquezamos que estas obras non pasaron a preceptiva avaliación de impacto ambiental a pesar de que ocupan un espazo natural protexido como ZEC, ZEPVN Parga-Ladra-Támoga, zona de Rede Natura 2000 e zona núcleo da Reserva da Biosfera. Por tanto, durante os últimos seis meses, o dique xa podería estar exercendo un dano irreparable sobre os 5 hábitats de interese comunitario (un deles prioritario) e ás especies vulnerables e  en perigo de extinción que habitan na área ocupada.

A plataforma “Lugo de cara ao Miño” e ADEGA tamén veñen de presentar un escrito ante a Dirrección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia instándoa a tomar partido nesta problemática, tal e como estipulan as súas obrigas legais. Como organismo competente na defensa e tutela dos valores naturais dos espazos protexidos como Rede Natura 2000 de Galicia, consideramos que tamén debe imprimir dilixencia á Sr. Ministra para que ordene retirar o dique antes de que os danos ambientais no espazo protexido sexan irreparables.

Asemade, a plataforma “Lugo de cara ao Miño”, da que forma parte ADEGA, xa está a falar coas diferentes formacións políticas candidatas a ocupar escanos no Congreso do Estado para conseguir o seu apoio tras as vindeira eleccións na defensa do río Miño e a prol da retirada do dique ilegal.

Reunión co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

plataforma Lugo de Cara ao Miño

Varios membros da plataforma “Lugo de cara ao Miño” mantiveron hai uns días unha reunión co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, o Comisario de Augas, Xoán Novoa, e outros dous responsables técnicos do organismo, que trataron de resolver as dúbidas desta plataforma ao respecto do estado de tramitación dos expedientes sancionadores abertos contra o Concello de Lugo e a empresa INCA.

Segundo os máximos responsables da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, as obras da ataguía fóra do proxecto e sen autorización supoñen unha “infracción grave”, pola que o Concello de Lugo e a empresa INCA poderían enfrontarse a unha sanción superior aos 50.000 euros e á obriga legal de repoñer o espazo danado ao seu estado orixinal, é dicir, de retirar o dique. Sen embargo, este expediente sancionador deberá ser resolto pola titular do Ministerio de Medio ambiente, segundo obriga o artigo 117 da Lei de Augas vixente, tras a proposta de resolución que lle formule o organismo de bacía, trámite que pode tardar en producirse se o Ministerio non lle dá prioridade á resolución do expediente, en base ao interese público e xeral de protexer o espazo de Rede Natura.

Os responsables da bacía Miño-Sil tamén informaron aos membros da plataforma “Lugo de cara ao Miño” que xa se iniciou o procedemento de modificación do proxecto que pretende “legalizar” a ataguía construída no espazo de Rede Natura, pero que este deberá ser tramitado pola Consellaría de Industria, en virtude da aplicación da nova Lei de Avaliación Ambiental. No obstante, segundo confirmou o presidente da Confederación, este procedemento segue unha vía administrativa distinta á do expediente sancionador, polo que a resolución do Ministerio terá que producirse antes de que as obras da ataguía pasen por unha avaliación de impacto ambiental.

Por outra banda, tamén está pendente de tramitación e resolución un segundo expediente sancionador aberto  pola Confederación contra o Concello de Lugo e a empresa INCA por realizar as obras da ataguía fóra da época de estiaxe do río Miño, que podería supor unha nova sanción para os infractores.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal