ADEGA

Inicio / Novas / Todas / En abril celebraranse en Lugo as I Xornadas...

31-03-2016

En abril celebraranse en Lugo as I Xornadas "Coñecendo o Miño"

Terán lugar os xoves de abril no Museo provincial de Lugo, ás 20.30 horas.

Lugo- Cartaz I Xornadas

A plataforma “Lugo de cara ao Miño”, da que forma parte ADEGA, organiza para o vindeiro mes de abril as I Xornadas “Coñecendo o Miño” destinadas a divulgar os valores naturais, patrimoniais e histórico do río máis emblemático de Galiza, especialmente, do treito que discorre pola cidade de Lugo.

O obxectivo é que os veciños e veciñas de Lugo adquiran cada vez máis coñecemento e sensibilidade ao respecto do río máis importante que temos e do que nos abastecemos a todos os niveis. A plataforma, conformada por 20 entidades sociais, culturais, políticas e ecoloxistas de Lugo, pretende con esta iniciativa favorecer a proximidade entre a cidade e o río e trasladar á cidadanía os coñecementos que se teñen do Miño desde o eido científico ou da investigación.

As I Xornadas “Coñecendo o Miño” desenvolveranse os tres primeiros xoves do mes de abril a partir das 20.30 horas da tarde no refectorio do Museo provincial e estarán abertas a todo tipo de públicos.

Estes encontros contarán coa participación de varios investigadores e profesores do Campus de Lugo que teñen realizado os seus traballos sobre distintos aspectos do río Miño, nomeadamente sobre os caneiros que lle confiren un valor patrimonial e etnográfico único e especial.

As palestras das tres sesións repartiránse entre os profesores do Campus de Lugo Ana Cabana, que o 7 de abril relatará o valor histórico destas construcións; Emilio Carral e Teresa Rodríguez, que expoñerán o 14 de abril os valores naturais máis relevantes do Miño; e Juan Ortiz intervirán o 21 de abril para resaltar o valor patrimonial dos caneiros de pesca que se concentran no concello de Lugo. Nesta última sesión das xornadas, tamén particpará o historiador lucense Adolfo de Abel Vilela para achegarnos a historia e o signficado cultural da fábrica da luz, edificio emblemático da cidade que hoxe é motivo de polémica polo pretendido proxecto de aproveitamento hidroeléctrico da fábrica promovido polo Concello e cuxa concesión obstenta a empresa asturiana Inca.

Durante as xornadas, a plataforma “Lugo de cara ao Miño” tamén explicará ás persoas asistentes os motivos que impulsaron a creación deste movemento social na defensa do río Miño e as diversas accións que se están a promover con este obxectivo. Así mesmo, aproveitarase para recoller sinaturas para instar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a ordear a retirada do dique que foi construído a finais do ano pasado no leito fluvial sen os preceptivos permisos.

PROGRAMA

Lugar e hora: Refectorio do Museo provincial de Lugo, ás 20.30 horas.

Xoves, 7 de abril: UNHA OLLADA Á HISTORIA DOS CANEIROS DO MIÑO

  • ANA CABANA IGLESIA, Doutora en Historia e profesora do Departamento de Historia no Campus de Lugo (USC).
Xoves, 14 de abril: OS VALORES AMBIENTAIS DO RÍO MIÑO
  • EMILIO CARRAL VILARIÑO, Doutor en Ciencias Biolóxicas e Profesor Titular da Área de Ecoloxía no Campus de Lugo (USC).
  • TERESA RODRÍGUEZ LÓPEZ, Doutora en Ciencias Biolóxicas, profesora da Área de Zooloxía na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).
Xoves, 21 de abril: OS CANEIROS PARA A PESCA DO RÍO MIÑO E O VALOR PATRIMONIAL DA FÁBRICA DA LUZ
  • JUAN ORTIZ SANZ, Doutor en Enxeñaría Agrónoma e profesor da Área de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).
  • ADOLFO DE ABEL VILELA, Doutor en Xeografía e Historia.

Agardamos a vosa asistencia!



Intengran "Lugo de cara ao Miño" os colectivos ecoloxistas, sociais e culturais ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal