ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ulo o debate ambiental na campaña eleitoral?

15-12-2015

Ulo o debate ambiental na campaña eleitoral?

As enquisas do CIS veñen de constatar que o ambiente fica lonxe das preocupacións sociais, e consecuentemente, tende a desaparecer da dialéctica eleitoral. Nen sequera a coincidencia destas eleccións coa COP21 de París foi quen de poñer na axenda política as medidas para loitar contra o cambio climático, entre outras propostas ambientais.

Se coa crise as primeiras preocupacións en desaparecer dos programas e priorirades políticas son case sempre as culturais e ambientais, en periodo eleitoral estas cuestións, xa frecuentemente transversais, convírtense en tanxenciais ou mesmo inexistentes.

Un exemplo da invisibilización política e mediática das iniciativas ambientais na campaña é o feito de que mentres en París os 195 países participantes na cimeira do clima (COP21) abordaban o principal problema ambiental deste século -o cambio climático-, que condicionará en grande medida a vida de todos/as nós e, portanto, todas as accións políticas presentes e futuras; ben poucas propostas escoitabamos ao respeito dende as forzas políticas que concorren a esta xeira eleitoral.

En ADEGA entendemos que as iniciativas e propostas relativas ao ambiente, deberían ter un protagonismo maior nas campañas eleitorais e actos políticos, máis aló das últimas e esquecidas follas dos programas.
As medidas que afectan á xestión do territorio, aos modelos de transporte, á xeración de recursos, e ao mentemento da diversidade natural e dos servizos ecosistémicos que presta a natureza (auga, alimento, aire limpo, protección contra o clima extremo, etc.) deberían estar sempre na primeira liña da dialéctica política, e xa que logo, ser tamén elementos centrais do debate eleitoral.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal