ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Dous novos proxectos de compostaxe caseira e...

05-03-2015

Dous novos proxectos de compostaxe caseira e comunitaria en Monforte

Este 5 de marzo iniciaremos dous proxectos de compostaxe (caseira e comunitaria) en Monforte. ADEGA anima á veciñanza a facer parte desta experiencia e demostrar que cando se confía na cidadanía, esta colabora na resolución dos problemas ambientais.

Cada proxecto está adaptado ás características de cada unha das áreas, tendo así unha área destinada a compostaxe caseira e outra a comunitaria.

O concello de Monforte quere mellorar a xestión dos seus residuos e para tal fin contou co asesoramento e a experiencia de ADEGA. A fracción do lixo mais facilmente recuperable é a materia orgánica que ben separada pódese reciclar na propia vivenda mediante a compostaxe. O 40% da nosa bolsa do lixo é materia orgánica que agora mesmo enviase a SOGAMA e remata incinerada ou nun macrovertedoiro xerando contaminación. A proposta é implicar á veciñanza e xestionar este residuo no concello. Realmente a fracción orgánica non é un residuo se non é un recurso xa que unha vez que a compostamos obtemos un fertilizante de calidade que pode servir para as hortas ou como sustrato para xardinería. Deste modo o concello aforrará cartos na factura de SOGAMA revertindo en servizos públicos e as e os participantes conseguen un fertilizante de calidade.

A área de compostaxe caseira será en Río Seco onde se repartiran composteiros individuais xa que a maioría das vivendas  contan con horta ou xardín e a área de compostaxe comunitaria será na Pinguela, nunha zona axardinada común onde foron instaladas dúas casetas de madeira onde a xente que viva nesta urbanización pode botar os restos orgánicos. Ámbolos dous proxectos contaran co seguimento de  ADEGA. no caso de Río Seco faranse visitas casa por casa e na Pinguela haberá diferentes actividades en torno a esta área de compostaxe comunitaria.

ADEGA anima a todos os veciños e veciñas de Río Seco e a Pinguela a facer parte desta experiencia piloto e demostrar que cando se confía na cidadanía, esta responde e colabora na resolución dos problemas ambientais. Queremos tamén dar os parabéns ao concello de Monforte pola súa valentía política e compromiso co ambiente: souberon ver que os residuos urbanos, ademais dun problema, son ante todo un recurso, e apostar pola súa correcta xestión supón un investimento que mellora a calidade de vida dos seus veciños e aforra cartos.

Actividades iniciais:
-Ás 18h haberá unha charla ou curso de formación coa veciñanza de Río Seco e xa poderán levar o composteiro para as súas vivendas
-Ás 20h na Pinguela teremos a presentación da área de compostaxe comunitaria e un curso de formación para as e os voluntarios do proxecto.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal