ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Alterar a natureza non sae de balde: a...

16-10-2014

Alterar a natureza non sae de balde: a deforestación influíu na aparición e propagación do ébola

A deforestación e o cambio de usos, determinante na aparición de novas enfermidades

Segundo a FAO, a deforestación e os cambios de uso das superficies forestais determinan a aparición de novas enfermidades e a propagación vectorial doutras, acelerando a frecuencia das pandemias (ver referenza en ligazóns). Nas últimas décadas as selvas de Guinea reducíronse nun 80%, e Liberia xa vendeu os dereitos de explotación de máis da metade dos seus bosques. Polo que atinxe a Serra Leoa, nos vindeiros anos leva camiño de ficar completamente deforestada.

Os axentes patóxenos, como o virus do ébola e outros (raiba, VIH, dengue, febre amarela, etc.) teñen carácter oportunista. As causas primeiras da súa aparición e expansión están relacionadas coas alteracións dos ecosistemas nos que son endémicos, e que modifican a relación patóxeno-hóspede. No caso do ébola parecen existir vencellos entre o déficit de conservación, desaparición ou alteración dos bosques tropicais nos que moran os portadores (morcegos frugívoros) e a aparición de novos abrochos en comunidades humanas.

Para os patóxenos asociados aos bosques, os abrochos explícanse por unha combinación de deforestación e outras alteracións no uso da terra (monocultivos, minaría...), e un maior contacto humano cos virus. Moitos poden transmitirse entre hóspedes primates e usar morcegos e insectos como vectores, cunha variedade de hóspedes intermedios incluindo animais domésticos.

Unha mala xestión local causa unha ameaza global. Como actuar?

Selva deforestada para monocultivos en Liberia

En moitos casos, incluido o ébola, tras unha primeira aparición local, os patóxenos demonstraron potencial para extenderse a escala rexional ou mundial, virando nunha seria ameaza para as persoas, os animais domésticos e a fauna e flora silvestres.

Xa que logo, e alén de tratar axeitadamente as emerxencias sanitarias comezando polos países nos que o virus é endémico, cómpre abordar as causas últimas que desencadean os abrochos. A perda dos ecosistemas forestais (deforestación, tala ilegal, minaría...) e o cambio de usos da terra (monocultivos como a palma aceiteira) nos países de orixe, determinan a aparición de novos abrochos e a propagación vectorial, e ocasionalmente aceleran a frecuencia das que poden producir pandemias catastróficas.

Non ter en conta estas cuestións na planificación e ordenación do uso dos recursos naturais nos paises de orixe, particularmente os bosques húmidos, non só é irresponsábel senón que é suicida.

Ademais das medidas inmediatas para conter este abrocho, cómpre ir ás causas últimas do problema: uns mandan soldados a África (USA), outros persoal e material sanitario (Cuba, ONGs) e o goberno de Noruega, pensando na vindeira epidemia, achegou 150 millóns de dólares a Liberia (o bosque tropical máis estenso de África occidental) para deter a tala ilegal das selvas. Mais o consumismo das sociedades capitalistas e a depredación á que sometemos aos países produtores de materias primas (madeira, minerais...) está detrás das alteracións destes ecosistemas.

Outra volta, fica demonstrado que unha mala xestión local provocada pola depredación do "primeiro mundo", pode ser causa dunha ameaza global.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal