ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Freo cautelar ao proxecto eólico Chao do Marco...

24-04-2025

Freo cautelar ao proxecto eólico Chao do Marco por ameazar especies e espazos protexidos nos Ancares

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) estima a solicitude de ADEGA de paralizar cautelarmente o parque eólico Chao do Marco, promovido por Enel Green Power no concello lucense de Becerreá. Esta decisión afecta un dos catro proxectos que forman parte do macropolígono eólico de máis de 130 MW que a empresa pretende instalar nas montañas entre Baralla e Becerreá, xunto cos parques Serra do Furco -tamén paralizado cautelarmente a instancias de ADEGA-, Serra do Colmo e Serra de Piñeira, no que supón unha ofensiva legal contra este macroproxecto eólico nunha zona de alto valor ambiental.

A Sala do contencioso-administrativo do TSXG considera que existen indicios suficientemente acreditados de risco de dano ambiental "irreparable" ou de "difícil reparación" -incluso aplicando medidas correctoras- sobre hábitats prioritarios e especies protexidas, e que se debe, polo tanto, aplicar o principio de precaución e de prevención do dereito comunitario. Esta paralización cautelar supón que, malia a contar o parque coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras deste polígono industrial non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos por ADEGA.

Un proxecto incompatible coa conservación ambiental

O parque eólico Chao do Marco, con 8 aeroxeradores de 200 metros de altura, está proxectado nunha zona de alta montaña da comarca dos Ancares, con presenza de hábitats prioritarios e especies en perigo como o millafre real, a tartaraña cincenta ou a gatafornela. No lugar afectado perviven varios núcleos de poboación que se dedican á agricultura e á gandería tradicional.

O tribunal recoñece que a poligonal eólica se sitúa en zona de máxima sensibilidade ambiental, segundo a Zonificación do Ministerio de Transición Ecolóxica, e nas proximidades de espazos como as ZEC Ancares-CourelZEPA Ancares e a Reserva da Biosfera Terras do Miño, chaves para a conectividade ecolóxica entre os Ancares e O Courel, de maneira que o proxecto compromete a súa viabilidade ambiental. Ademais, a poligonal eólica ocuparía unha zona incluída na proposta de ampliación da Rede Natura de 2008 e situaríase a escasos quilómetros da zona de recuperación do oso pardo. 

A subestación estaría colocada enriba dunha zona húmida, que dá nome a un dos lugares máis emblemáticos de Becerreá, "O Lago", e que non foi tida en conta na avaliación ambiental. Alén de afectar recursos hídricos, impactaría sobre áreas de interese paisaxístico como Cruzul-Agüeira, A Marronda ou Os Ancares. Se ben o TSXG, en vía cautelar, non entra a valorar a posible fragmentación artificiosa dos catro parques proxectados pola mesma empresa e de forma contigua, ADEGA alerta dos seus impactos acumulados e sinérxicos, xa que esta alineación de proxectos supón unha auténtica barreira de paso para a avifauna.

Máis unha vitoria da loita cidadá

A organización ecoloxista celebra esta nova vitoria xudicial como un paso máis na defensa dos Ancares, dos seus valores ambientais e das comunidades que habitan estas montañas fronte á depredación eólica. A paralización cautelar de Chao do Marco non sería posible sen o apoio cidadá a través da campaña solidaria #TiPodesParalos, que permitiu sufragar os custos das accións xurídicas emprendidas. A asociación achega un agradecemento especial á veciñanza, á Sociedade Galega de Ornitoloxía polas súas achegas á campaña, e á actriz e veciña Carmen Méndez polo seu apoio público ao micromecenado. ADEGA reitera o seu compromiso de defender xuridicamente o territorio fronte á invasión eólica e fai un chamado a continuar apoiando a campaña de recadación #TiPodesParalos. Ata o de agora, esta iniciativa permitiu á organización recorrer nos tribunais unha trintena de proxectos eólicos, a meirande parte freados cautelarmente.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal