ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Plataforma pola Reciclaxe presenta alternativas...

15-04-2025

A Plataforma pola Reciclaxe presenta alternativas para que a taxa de residuos da Coruña premie a quen menos lixo produce

Alerta da necesidade de evitar medidas cosméticas e avanzar cara a un modelo real de residuo cero.

Ante o proceso de participación para a elaboración da nova Ordenanza Fiscal da Taxa de Recollida de Residuos Urbanos do Concello da Coruña, a Plataforma pola Reciclaxe, da que fan parte ADEGA e outros colectivos, reclama un enfoque máis ambicioso e transparente, aliñado cos principios da economía circular. A Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados, obriga a esta actualización, mais a futura ordenanza debe ser unha ferramenta efectiva para reducir a xeración de lixo e incentivar a reciclaxe.

Principais críticas e propostas

Aínda que no texto da consulta pública se menciona o "pago por xeración", este concepto non se inclúe nas alternativas presentadas, polo tanto, a Plataforma pola Reciclaxe asume que non será considerado este concepto na elaboración da nova normativa. Isto é algo paradoxal, xa que a cantidade de residuos xerados por cada veciño/a pode variar nun factor de 10 ou máis, dependendo da súa conciencia ambiental e xeito de vida. Un sistema xusto debería reflectir eses usos e aplicar bonificacións a quen menos lixo produce e recicla correctamente. 

Tamén a falta de definición dun modelo de recollida selectiva eficiente se reflicte no texto da consulta pública. O sistema actual, baseado en contedores anónimos, non permite recompensar o bo comportamento ambiental. Por iso, os máis de 10 colectivos sociais que forman a plataforma propoñen que se apliquen sistemas verificables, como a recollida porta a porta ou contedores pechados con identificación, que impidan que a veciñanza verta residuos sen control.

Transparencia e participación real

A plataforma tamén demanda que o Concello presente un borrador detallado do modelo de recollida antes de aprobar a ordenanza, e que se abra un novo proceso participativo. A crise dos residuos require solucións consensuadas, non decisións precipitadas que deriven en medidas inaplicables ou pouco transparentes.

Unha ordenanza últil

Para que a nova ordenanza sexa útil deberían terse en conta os seguintes puntos: 

  1. Incorporar o pago por xeración como eixo central, ligando a taxa á cantidade de residuos xerados.
  2. Establecer un sistema de recollida selectiva verificable, sen contedores anónimos.
  3. Garantir unha participación cidadá efectiva antes da aprobación definitiva.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal