ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos por...

14-04-2025

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos por labores forestais nas mámoas de Penarrubia, en Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo grave impacto que sufriron as mámoas Mogote de Penarrubia 1 e Mogote de Penarrubia 2, situadas no lugar de Penarrubia, parroquia de Orbazai (San Miguel), no concello de Lugo. Estes dous xacementos arqueolóxicos están catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo, polo que contan cun réxime de protección específico que impide calquera intervención sen autorización previa. Durante unha visita á zona, representantes das asociacións comprobaron que se provocaron danos materiais moi relevantes por mor de labores forestais, que incluíron a corta de piñeiros, o arrincado dos tocos e o paso de maquinaria pesada sobre os propios túmulos. Entre os feitos observados destacan:

  • Alteración da coraza do túmulo da mámoa 1, con movementos de terra e deterioro da estrutura visible.
  • Rodeiras de maquinaria pesada sobre ambas mámoas.
  • Depósito de troncos cortados sobre a superficie da mámoa 1, o que agrava os danos no túmulo.
  • Afectación dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía dos dous túmulos.
Segundo todo parece indicar, estas actuacións foron realizadas sen contar coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, o que podería supoñer unha infracción grave da normativa de protección do patrimonio cultural. Ante esta situación, as asociacións solicitan:
  • Que se comprobe se os traballos contaban coa correspondente autorización.
  • Que se abra un expediente sancionador contra os responsables, no caso de confirmarse a ausencia de permiso.
  • Que se adopten medidas correctoras urxentes para restaurar os danos causados e garantir a protección efectiva destes bens patrimoniais.
As mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca. A súa conservación é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas as administracións.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal